Cine checo dos 80
Do 9 de maio de 1994 ao 13 de maio de 1994
Aínda que, por razóns políticas obvias, o cine checo estivo no periodo histórico recente englobado no "cine checoslovaco", a verdade é que a producción propiamente eslovaca foi cuantitativa e cualitativamente inferior á checa polo que é esta a que realmente ocupa un lugar de importancia no século de historia do cine que está a piques de cumprirse. É máis, xa entre os precursores da cinematografía houbo un checo, Jan Purkinje, quen se destacou por realizar varios estudios relevantes que anticipaban o fenómeno da imaxe en movemento: un libro sobre a persistencia retiniana da visión, unha análise da biomecánica humana con imaxes animadas, e os inventos do Phorolyty e do Kinesiscopio, dous dos múltiples aparatos que se crearon a mediados do século XIX utilizando os efectos estroboscópicos da sucesión de imaxes.
Unha vez difundido o Cinematógrafo dos irmáns Lumière, comezan as diversas etapas polas que pasaría o cine checo. Xa no ano 1908 fúndase a sociedade Kinofa, que se especializa no documentalismo, xénero no que se han destacar os checos no sucesivo. Para dar unha idea da importancia que adquire o fenómeno cinematográfico checo, basta indicar que no periodo posterior á I Guerra Mundial, a pesar das grandes dificultades económicas e da caída do Imperio Austrohúngaro, apareceron seis compañías de producción e os primeiros estudios de cine en Praga-Vinohrady.
Coa aparición do cine sonoro, os checos empezan tamén a destacar internacionalmente, triunfando no Festival de Venecia en 1934 con Reka, de Josef Rovensky e Ekstase, de Gustav Machaty (o sensual filme que causou escándalo polos discretos espidos da actriz revelación Hedy Lamarr, quen se convertiría en musa de Hollywood) á vez que se crean os emblemáticos Estudios Barrandov e aparece o que será o realizador máis prolífico do cine checo: Martin Fric.
A partir deste momento, o cine checo vai consolidándose e adquirindo os elementos que o van caracterizar: un elaborado oficio na fotografía, encadre e movementos de cámara; o matiz de observación poética nos traballos documentais e, despois da II Guerra Mundial, un papel destacado no campo do cine de animación en torno á figura de Jirí Trnka, considerándose dos máis importantes do mundo en contraposición coa estética máis relambida da casa Disney. Sen embargo, este posto no xénero da animación coincide xa coa nacionalización do cine no periodo sovietizante, no que a producción sofre as planificacións quinquenais, impoñéndose o maniqueísmo político que prevalecerá ata mediados dos anos 50, en que se nota unha certa liberalización das formas que se materializaría dun xeito máis evidente nos anos 60. Coincidindo con este feito, aparece ó abeiro da prestixiosa FAMU (Facultade de Cine da Academia de Artes de Praga) a denominada Xeración do '56, un grupo de novos realizadores que desenvolven investigacións estéticas, atrevéndose tamén a aborda-la crítica social e política. Neste grupo, que se destacou pola alta calidade dos seus traballos e que aproveitou ata o máximo a marxe de apertura dos anos 60, están incluídos Milos Forman, Jirí Menzel, Ivan Passer, Pavel Jurácek, Stefan Uher e Vera Chytilova e Karel Kachyna (dous directores dos que presentamos filmes neste ciclo). A Primavera de Praga, coa incursión dos tanques soviéticos na capital checa, supuxo o final da apertura e o reinicio da censura do réxime coa proibición absoluta de moitos filmes. Algúns directores, como Forman e Passer, decidiron exiliarse e outros preferiron reorienta-lo seu traballo á dirección teatral, co que esta xeración, responsable da conversión do cine checo nun dos máis interesantes do "novo cine europeo" quedou praticamente desarticulada.
A producción checa entrou nun impasse ata cáseque vinte anos despois, coa chegada dos anos oitenta. Este ciclo que aquí presentamos é, precisamente, unha escolma de cinco produccións da década dos 80, un período moi interesante por tratarse da antesala á caída do réxime comunista, cunha atmosfera semellante á que respiraron os da Xeración do '56 nos anos 60. Aínda que non é ata finais do ano 1989 cando se produce esta caída, xa desde mediados da década coa Perestroika de Gorbachov e cos procesos da reunificación alemana, Checoslovaquia vive as inquedanzas larvadas da renovación. Estes novos aires que timidamente chegan de fóra maniféstanse tamén nos traballos cinematográficos desta década nos que se mestura a madurez técnica e formal herdada das etapas anteriores coa apertura temática e a flexibilización da censura que se vai facendo cada vez mais tolerante, permitindo unha crítica ás caladas que normalmente adopta a forma da ironía na presentación de personaxes e situacións. A ruptura definitiva co réxime e a división da antiga Checoslovaquia nas actuais Repúblicas Checa e Eslovaca prometen o desenvolvemento en liberdade dun cine de ricas e sólidas raíces que non deberá perderse de vista. Foron poucas as ocasións que houbo de visionar produccións checas en España, tendo agora con este ciclo a oportunidade, non só de apreciar unha rica cinematografía praticamente descoñecida para nós, senón tamén de achegarse á realidade social e cultural checa (catro dos cinco filmes narran historias contemporáneas) no contexto da década previa á ruptura política.
Co-organizado con: USC - Vicerrectorado de Política Cultura. Aula de Cine.
Este ciclo organizouse coa colaboración da Sección de Linguas Eslavas de Instituto de Idiomas, con filmes proporcionados pola distribuidora FILMEXPORT PRAHA.