(S8) XIV Mostra de Cinema Periférico
Do 26 de maio de 2023 ao 3 de xuño de 2023
Nesta edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico, a Filmoteca de Galicia acolle, como cada ano, parte da súa programación; arrinca con dúas sesións do ciclo A/Z Zulueta Inédito, que se ha estender ao mes de xuño, máis aló das propias datas do festival. Trátase dunha colección, -seleccionada e ordenada en sesións temáticas por Josetxo Cerdán e Miguel Fernández Labayen- de películas nunca vistas de Iván Zulueta, recuperadas do arquivo adquirido recentemente pola Filmoteca Española. Abriremos o ciclo cunha sesión dedicada ás noites de festa da contracultura dos setenta e outra de materiais incunables e descartes de Arrebato. Poderemos ver, así mesmo, unha sesión in memoriam do fotógrafo e cineasta italiano Paolo Gioli, falecido en 2022, programada e presentada por Enrico Camporesi, do Centre Pompidou. Películas xurdidas da reinvención de dispositivos dos primeiros anos da fotografía ou do precine, nunha sensual investigación da mecánica do medio. O canadense John Price trae unha colección das súas películas en 35 mm, onde experimenta coas texturas físicas e emocionais do soporte. Pezas onde, por medio de elementos como a natureza ou o rexistro dos fillos, Price atinxe o trascendental a través do sinxelo. Barbara Sternberg é outra das protagonistas desta edición, cineasta canadense que comezou a traballar nos anos 70. No labor dos últimos anos cómpre valorizar o traballo de cineastas elementais para a historia da vangarda, o traballo de Sternberg ocupa un lugar fundamental, grazas a un traballo que entronca cunha tradición de cineastas líricos que tratan temas coma os ciclos da vida con incuestionable mestría visual. Finalmente, recalará na Filmoteca unha das sesións do ciclo dedicado ao artista británico Anthony McCall, coñecido mundialmente polos seus traballos de “luz sólida”. Nesta sesión, veremos dous dos seus traballos colectivos, que revisan de maneira analítica temas relacionados co xénero, a manipulación mediática, a linguaxe e o papel da arte, altamente vixentes hoxe.