Punto de Vista: Renate Sami e Ute Aurand
Do 3 de novembro de 2020 ao 7 de novembro de 2020
Este ano o festival Punto de Vista de Pamplona dedica unha retrospectiva a catro directoras da área xermana, Helga Fanderl, Jeannette Muñoz, Renate Sami e Ute Aurand, tomando “como punto de partida o torrente de apoio e afecto mutuos que xorde da relación entre estas catro cineastas.” Se de Fanderl e Muñoz xa se viron moitos dos seus traballos no CGAI-Filmoteca de Galicia (da primeira con ocasión da edición de 2017 de S8, Mostra de Cinema Periférico), esta retrospectiva constituía un motivo inmellorable para recuperar os de Sami e Aurand.
Renate Sami (Alemaña, 1935) é unha cineasta cuxa obra se resiste ás clasificacións. Como escribe Aurand, «desde o seu primeiro filme en 1975, todas e cada unha das súas obras xermolaron do mesmo desexo intenso de facer este filme en particular. Quer sexan longametraxes ou curtametraxes, rodadas en 16 mm, Mini DVD ou HD, sen son ou sen diálogos ou música, o que todas teñen en común é a especial liberdade interior con que Renate Sami fornece a cada película cadansúa forma».
Ute Aurand (Alemaña, 1957) foi unha figura fundamental da escena cinematográfica berlinesa desde a década dos oitenta e na actualidade é unha das cineastas en activo máis relevantes da tradición do diario e do retrato en 16 mm. Como programadora defendeu a obra das mulleres cineastas e exhibiu os seus filmes en diálogo coas doutras compañeiras e amigas directoras. Cabo de Renate Sami, organizou o lexendario ciclo FilmSamstag no cine Arsenal (1997-2007). Ademais dunha sesión coas curtametraxes que se presentan en Punto de Vista, recuperaremos a súa longametraxe Rushing Green with Horses (2019), que se estreou en España na edición anterior do festival navarro.
Agradecementos: Garbiñe Ortega, Garazi Erburu Irigoyen/Punto de Vista; Renate Sami; Ute Aurand.