
Punto de Vista: Jonathan Schwartz
Do 26 de marzo de 2019 ao 27 de marzo de 2019
(…) Se as películas de Jonathan teñen unha idade, esa é a infancia. Encarnan o seu propio abraio infantil perante o mundo e a maxia do celuloide: os seus movementos rítmicos, as súas conexións intelectuais, a súa paradóxica detención e desbloqueo do tempo. E un foco recorrente da súa atención cinematográfica é a infancia do seu fillo Henry e mais os seus amigos. O feito de se converter en neno está cargado de curiosidade, mais tamén dunha “certa inquietude” (por citar o título dunha das súas miniaturas; A Certain Worry) –a inquietude do neno, mais tamén a do amoroso pai/artista que observa a existencia do fillo e revisita a súa propia infancia tres décadas e media despois.
Se as películas de Jonathan teñen unha estación, esa é o inverno. Pode ser un inverno que apenas se desprende do outono, ou un inverno de sons nidios e texturas brancas e sólidas, ou mesmo un inverno en decadencia coa promesa dunha primavera incipiente que se abre paso a través das superficies xeadas. A súa cámara repetidamente converxe con corpos que patinan, coa excitación dos saltadores de esquí, con paisaxes envolveitas en neve e xelo. Mais o inverno tamén pode ser duro; conxélase, detense e anóxase ante os fluxos de emoción; trae consigo as fendas e as crises da vida posterior, como insinúa nunha das súas últimas películas.
Por riba de todo, os filmes de Jonathan son encontros coa vida no seu constante discorrer. Nos seus diarios de viaxe, son encontros con lugares que sabe que non pode abranguer, só aludir a eles. Aquí topa ou provoca acenos e olladas que ao mesmo tempo revelan e agochan, mais son unha proba do intercambio fundamental na súa idea do que significa ser humano. E é que, o encontro de olladas, ás veces torpes, ás veces cativadoras, sempre tenras, é vital en toda a súa obra. Varios dos seus filmes non son só encontros na diéxese do filme, senón misivas despois do feito, dedicadas como agasallo ao fillo, á esposa e á súa parella nos derradeiros tempos da súa vida. E sexa cal for o seu contido ostensible, todas elas son exploracións do ser humano e do seu devir –un ser-con-outros que debe reconciliarse coa súa propia transitoriedade–, e un devir que se manifesta, en parte, como un proceso de aparición e desaparición.
Ao combinaren a súa radical espontaneidade no xesto coa súa atención á forma cinematográfica e á montaxe, as películas de Jonathan actualizan a pasaxe do tempo a través dunha devoción ao presente, á presenza. Mais esta presenza lírica é consciente, simultánea e constantemente, da inexorable pasaxe do tempo e da ansiedade que provoca a inevitable mortalidade. O caprichoso e contaxioso sentimento de asombro de Jonathan, tanto nas súas películas coma na súa vida, mestúrase con episodios de anguria. Es “difícil aterrar” como el di –pois algunhas cousas desaparecerán. E debemos actuar “como se aferrándonos puidésemos salvarnos” por citar un dos seus poetas favoritos, Galway Kinnell.
Eu tamén me amarro ás miñas lembrazas do seu espíritu burleiro e amable, e aos seus filmes, como agasallos que encarnan, igual ca el, aparicións e desaparicións.
Irina Leimbacher, comisaria do programa.
___
Agradecementos: Irina Leimbacher, Garazi Erburu, Garbiñe Ortega/Punto de Vista; CCCB; Filmoteca Española; Canyon Cinema.
Coa colaboración de

Interior Ape

Animals Moving to the Sound of Drums

If the War Continues

The Wedding Present

Between Gold

Winter Beyond Winter
