
Premios Mestre Mateo 2019 / A ilusión é perfecta: Víctor Ruppen
Do 14 de maio de 2019 ao 16 de maio de 2019
Do 14 ao 16 de maio, a Academia Galega do Audiovisual en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxectará algúns dos traballos gañadores da XVIIª edición dos Premios Mestre Mateo e homenaxeará a figura dun pioneiro do cine galego, o produtor Víctor Ruppén cunha escolla das primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35 mm.
A Ilusión é perfecta é un ciclo de proxeccións que ten como obxectivo recuperar, reivindicar e lembrar persoas e obras que, por diversos motivos, xogaron un papel sobranceiro na historia do noso audiovisual. Nesta ocasión o ciclo está dedicado á figura do recentemente falecido Víctor Ruppen. Nado na Coruña en 1940, compaxinou a súa profesión de arquitecto técnico con outras actividades empresariais e culturais relacionadas co cinema. Participou na creación da distribuidora Musidora Films e no campo da exhibición coa creación dos cines Valle Inclán da Coruña e Santiago e mais os Alphaville en Madrid. Nos anos 70 deulle un pulo decisivo á produción de curtametraxes en formatos profesionais, co que contribuíu a consolidar e fortalecer os comezos do cine galego.
Fendetestas de Antonio Simón (1975), Illa de Carlos Aurelio López Piñeiro (1975), O Herdeiro de Miguel Gato (1976) e O pai de Migueliño de Miguel Castelo (1977) son algúns dos filmes producidos por Ruppén e que conforman esta homenaxe a unha figura chave no desenvolvemento do noso cine. Precisamente como recoñecemento a ese labor foi merecedor do primeiro premio de honra que otorgou a Academia.
Desde o ano 2002 os socios e as socias da Academia escollen os traballos audiovisuais máis salientables realizados durante o ano anterior. Os premios Mestre Mateo son entregados nunha gala emitida en directo pola Televisión de Galicia. Este ano 2019, os galardoados que se proxectarán no ciclo Mestre Mateo son: A sombra da lei dirixida por Dani de la Torre, que ademais de mellor longametraxe tamén foi recoñecida noutras nove categorías. Luis Avilés dirixiu Idénticas, e alzouse co premio ao mellor documental. A nena azul, de Sandra Sánchez conquistou a de mellor curtametraxe e Soy una tumba, dirixida por Khris Cembe, a de mellor curtametraxe de animación.
Máis alá de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Premio Especial “José Sellier”. Este ano, as homenaxes foron para a actriz Mela Casal e para a Federación de Cineclubes de Galicia.
Coa colaboración de

Fendetestas

Illa

O herdeiro

O pai de Migueliño

Idénticas

A nena azul

Soy una tumba
