Play DOC: Charles Burnett
Do 8 de marzo de 2016 ao 21 de abril de 2016
Charles Burnett está considerado por moitos o mellor director negro da historia dos Estados Unidos, como apuntou en varias ocasións o seu principal defensor na crítica, o laureado Jonathan Rosenbaum. Principal cabeza visible da L. A. Rebellion, movemento de cineastas negros dos anos 70-80, que intentou realizar retratos fidedignos da comunidade á que pertencían, lonxe dos estereotipos de Hollywood; Burnett conta cunha obra mestra incontestable. A súa ópera prima, Killer of Sheep (1977), incluída pola Biblioteca Nacional do Congreso entre as poucas dignas de preservación polos seus valores artísticos e históricos, definiuse a miúdo coma puro neorrealismo á americana. A película é un honesto retrato da clase obreira do barrio de Watts, onde o seu realizador se criou.
Ao longo da súa prolixa traxectoria, Burnett distinguiuse por realizar retratos da súa comunidade que se mostran ao espectador cunha naturalidade e proximidade prodixiosas. Hábil e irónico cronista do seu tempo, definiu con intelixencia os choques de clase en My Brother's Wedding (1983); ou a tradición do folclore dos estados do sur en To Sleep With Anger (1990), premiada en Sundance e con catro galardóns Spirit do cinema independente, película en que sobresae unha marabillosa interpretación do seu protagonista, Danny Glover.
Así mesmo interesado na historia da negritude, contou con solvencia historias de escravismo en Nightjohn (1996), a loita polos dereitos civís de Martin Luther King en Selma, Lord, Selma (1999) ou o levantamento do escravo Nat Turner contra os seus propietarios brancos en Nat Turner: A Troublesome Property (2003), película da que o libro tira o seu título. Outra das súas particularidades é o importante papel que xoga a música no seu cine: o jazz e o blues son estilos cuxa presenza é notoria. Por mor disto, o famoso director Martin Scorsese encargoulle dirixir un capítulo da súa serie The Blues, centrado na variante do delta do Mississippi, de onde a familia de Burnett é orixinaria, malia el criarse e facer toda a carreira nos Ánxeles. (Víctor Paz Morandeira)
Agradecementos: Charles Burnett, Víctor Paz Morandeira.
En colaboración: Play-Doc (Tui).