O LATEXO DO MUNDO
Do 15 de xaneiro de 2015 ao 12 de febreiro de 2015
En colaboración coa Asociación de la Prensa de La Coruña.
Con motivo do 110º aniversario da Asociación de la Prensa de La Coruña, organizamos un ciclo que, fuxindo da listaxe tópica de títulos que relacionan cine e xornalismo, trata de se achegar a cuestións relevantes de actualidade para xerar debates con xornalistas presentes en cada sesión. Deporte, música, conflitos políticos locais e internacionais, unha boa variedade de temas e coloquios dentro de filmes recoñecidos e con carácter de estrea.
Álex de la Iglesia reflicte en Messi a figura simultaneamente tímida e estelar do futbolista arxentino. 20.000 días en la tierra achégannos ao inquieto músico australiano Nick Cave. Ucrania e Siria son focos da atención mundial e así aparece expresado en Maidan e Silvered Water-Syria Self-portrait. A película española premiada en Sevilla ReMine, el último movimiento obrero mostra as mudanzas e complexidades nas loitas políticas históricas, cun caso vinculado á minería asturiana como estandarte.
Completamos –sen coloquio- cunha loita de loitas, a da Comuna de París, exemplarmente descrita (con agudas pontes cara á era moderna) en La Comuna de Peter Watkins, cineasta obsesionado, entre outras cousas, cos medios de comunicación, unha circunstancia que facilita algúns dos momentos máis sorprendentes deste título acabado de editar en formato DVD por Intermedio.