O cine e o teatro en Galicia: a presenza de Tespis (unha aproximación)
Do 24 de marzo de 2026 ao 25 de marzo de 2026
O teatro e o cine representan as bases da resistencia cultural en Galicia durante os anos sesenta, retroalimentándose mutuamente con grande auxe e actividade social. Os actores do teatro afeccionado e independente atopan no novo cine galego unha nova forma de expresión; e o cine atopa no teatro un aliado necesario para levar a cabo unha morea de proxectos culturais; moitos extraviados, algún secuestrado como “A tola”, de Miguel Gato, e outros recuperados ou en proceso de recuperación como a película “Malapata”.
Nesa resistencia cultural comezan a interactuar actrices e actores, autores dramáticos e directores ou cinéfilos, para crear produtos culturais dos que aínda estamos a recuperar algunhas das súas manifestacións. Foi recentemente e a raíz de dous estudos teatrais que tivemos constancia dalgúns traballos de cine; curtas e mediametraxes que, trala súa dixitalización, veñen a incrementar o corpo do cinema galego.
Queremos tamén centrar a nosa atención nesa interacción entre o teatro afeccionado e o cine galego, tomando como referencia dous grupos teatrais como Tespis da Coruña e o Teatro Estudio de Ferrol. En ambos os casos temos manifestacións cinematográficas que veñen a complementar a idea do nacemento do cinema galego e influír no posterior desenvolvemento do mesmo. Trátase pois de mostrar dúas curtas dirixidas por Eduardo Alonso: “As muletas”, co grupo Teatro Estudio de Ferrol, e “Quizais un home”, cun actor de Tespis; e “Manuel Antonio” e “O aparecido”, dirixidas por José Antonio Jiménez con actrices e actores de Tespis.
A carencia dunha industria cinematográfica galega ou dunha profesión teatral non impediu unha produción de carácter amador e documental, que tamén permitiu certa presenza de intérpretes afeccionados galegos no panorama cinematográfico profesional español, como poden ser José Redondo Santos e José Luis Caramés, da canteira herculina, ou os irmáns Vivanco e Carlos Dapena “Carlos Toren”, do Teatro Estudio de Ferrol.
Esa resistencia cultural, a pesar da censura, marcou o camiño de recuperación da lingua galega e o seu uso cotián nas manifestacións culturais e permitiu a consolidación paulatina de certa industria e crítica cinematográfica, a profesionalización teatral, ou a aparición da dobraxe en galego protagonizada, entre outros, por Juan Rodríguez Guisán; cuestións que ían marcar a renovación cultural nas décadas seguintes, abrindo novas salas de exhibición para o cinema e circuítos teatrais para o teatro galego.
por Francisco Oti Ríos.
As muletas + Quizáis un home!
Manuel Antonio