NICHOLAS RAY. WE CAN’T GO HOME AGAIN
Do 1 de maio de 2012 ao 30 de xuño de 2012
O exilio, consonte lembran Jos Oliver e Víctor Erice no seu fermoso volume Nicholas Ray y su tiempo (1986), é unha condición interior, un sentimento que o director de cine estadounidense Nicholas Ray (1911-1979) fai aniñar en toda a súa obra (e vida). De formación humanista, vinculado na súa mocidade á arquitectura, á etnografía e á música tradicional ou ao teatro, o autor de Johnny Guitar (1953), Rebelde sin causa (1955), Bigger than life (1956) ou Chicago, año 30 (1958) establece, dentro do Hollywood dos anos 40-50, unha filmografía marcada pola procura estética, o alento poético e o proceso de reflexión sobre o mundo transitado en que se sortea con habelencia a fenda entre clasicismo e modernidade. A efémera carreira de Ray en Hollywood conclúe despois do caos da rodaxe de Muerte en los pantanos (1958), epílogo a unha conflitiva relación cos estudos que o levará a ver cernadas varias das súas montaxes. Establecido en España, logo de dúas producións para Samuel Bronston (Rey de reyes, 55 días en Pekín), Ray pecha a súa traxectoria como director comercial e regresa aos Estados Unidos. Alí tenta filmar o xuízo dos sete de Chicago, momento emblemático da paranoia, a represión e a contestación na América dos 60, comezando aos poucos, 1971, a súa estadía como docente no Harpur College (Binghampton, Nova York, onde comparte aulas con Ken Jacobs). Nese contexto, unhas clases cheas de entusiasmo e talento nas que o realizador de Los amantes de la noche (1948) esixe previamente aos alumnos as lecturas de O mito de Sísifo de Camus e Ensaio sobre a risa de Bergson, Ray reivindica que só a práctica cinematográfica ten sentido. Xorde We can’t go home again (Nunca volveremos a casa) (1971-1979), un crebacabezas testamentario e suxestivo realizado con bolsas e cartos propios en que Ray morre sen chegar a unha montaxe definitiva.
Peza con carácter de aventura singular e proxecto comunitario, é un filme experimental onde o regreso á xuventude rebelde (os propios estudantes na súa relación co profesor, el; o clima radical e contracultural) mestúrase co autorretrato, o psicodrama, a escenificación xeracional, o manexo do happening, a idea dos espazos de tránsito (non fogares), aparecendo, en palabras de Jonathan Rosembaum, como “unha denuncia da alienación política radicalmente experimental con imaxes múltiples, filmada en parte en 8mm, Súper-8, 16 mm, Súper-16, e 35 mm, onde as imaxes se combinan cun sintetizador de vídeo nun fresco cheo de xente”. Presentada en Cannes 1973, con montaxe en 1976, a única copia en 35 mm en circulación dispoñible pertencía ao escritor cinematográfico e distribuidor español Jos Oliver, bo coñecedor do seu legado. O festival de Venecia presentará na edición 2011 unha copia restaurada de We can’t go home again. A viúva do director, Susan Ray (Susan Schwartz), presidenta de The Nicholas Ray Foundation, participante naquel proxecto (coñecéronse en Chicago en 1969), coordina un labor de restauración dixital (a 4k) con limpeza e melloras na imaxe e máis unha recuperación do son, engadíndolle alteracións cruciais (a inclusión da narración do propio Ray). Susan asina e estrea na mesma edición do certame italiano un documental, Don’t Expect too much, sobre o insólito proceso de traballo, un material que complementa o filme inacabado, aquel por certo ao que máis tempo dedicaría o seu autor.
Agradecementos: Susan Ray, Ángel Santos, Jos Oliver, Raúl Sanjurjo.