Joseph Strick
Do 1 de novembro de 2010 ao 23 de decembro de 2010
Director, guionista e produtor estadounidense falecido hai uns meses, Joseph Strick (1923-2010) gaña un Óscar de Hollywood polo seu traballo documental sobre ex-combatentes en Vietnam Interviews with My Lai veterans (1971), ademais dun premio BAFTA por The savage eye (1960), que o presenta no seu momento como un cineasta renovador e independente, xunto a xente como Shirley Clarke, Jonas Mekas e John Cassavetes. Ademais desa vertente acusadamente documental (que chega ata a súa alucinante exploración no crime nos Estados Unidos de Criminals, 1996), Strick posúe outra vertente de produción, coñecido pola súa vontade de risco ao adaptar obras literarias con recursos narrativos -especialmente os fluxos de consciencia e os monólogos interiores- difíciles de traspasar ou transformar en dispositivos fílmicos. De xeito heroico, artella proxectos sobre clásicos de Joyce ou Henry Miller, obras de Jean Genet e Jonathan Swift, ao tempo que dirixe (sen figurar acreditado) parte da versión de Justine (1969) de Lawrence Durrell que firma George Cukor conformando unha traxectoria audaz e suxestiva. Agradecementos: Contemporary Films (Gran Bretaña), Eric Liknaitzky.