Joaquín Jordá (I)
Do 1 de maio de 2006 ao 31 de maio de 2006
En colaboración con MACBA, Donostia Kultura, Arteleku e IVAC-La Filmoteca.
En contraposición a boa parte das imaxes activistas, o cine en forma de ensaio radical e lúdico de Joaquín Jordá opta por estruturas elaboradas que exceden ou burlan sobradamente a elevada taxa de despolitización imperante. Á condición de francotirador une a sapiencia da autoconsciencia narrativa, a desusada e máis radical das complicidades cos desposuídos e un conxunto de recursos e procedementos lindeiros cos usos de vangarda que instalan os seus relatos na modernidade máis urxente e suxestiva, feito que contribúe de forma decisiva á reformulación na cinematografía nacional dunha produción documental de maior esixencia artística, sen deixar por iso de figurar apegado á realidade máis conflitiva nin eludir a posibilidade comunicativa aberta. A recente distribución oficial da película “Veinte años no es nada”, singular prolongación natural do que foi “Numax presenta“ (1979), apaixonante experiencia de ocupación e autoxestión dunha fábrica que Jordá filmara entre decisións asemblearias e presupostos de caixa de resistencia cando o fervor revolucionario do período da transición política española declinaba, devólvenos a súa entusiasta presenza con tentativas de resposta, persoal e histórica (ben en paralelo aos abundantes interrogantes que presenta hoxe o documental), a dúas preguntas coas que pechaba, en medio dunha festa, o filme militante orixinal: “Que significou para ti esta experiencia?, que pensas facer agora?”.
Hedonista e sabio, depredador do solemne e tópico, Joaquín Jordá (1935) comeza como peza activa fundamental na vangarda antifranquista, desde a produtora UNINCI ou como pensador e impulsor da chamada Escola de Barcelona, fugaz movemento artístico de alardes frívolos, espírito de ruptura coas tendencias do realismo castizo e afán de transformación sociopolítica, onde dirixe a película de inspiración dadaísta “Dante no es únicamente severo” (1967). Exiliado uns anos en Italia, traballou como guionista –interesantes traballos de Aranda levan a súa firma-, docente, teórico, tradutor de máis de 150 libros (entre eles obras de Bourdieu, Baudrillard, Breton, Robbe-Grillet, Simenon, Stendhal, Sciascia, Magris, Tabucchi, Mekas ou Glauber Rocha), animador cultural e cineasta militante cámara en man: filma e vive nos albores post-68 historias de resistencia e compromiso alá onde vai: tupamaros, fascistas italianos, disidentes do Portugal de Salazar, o centenario de Lenin ou os obreiros de Numax.
Empeñado con paixón en revitalizar o cine de non ficción, que considera, non como unha reportaxe, ”senón unha elaboración a partir de feitos reais”, crea unha obra a modo de artefacto comunicativo e expresivo de carácter político moi capaz de explorar as capacidades das formas de expresión para o compromiso, albiscar a ruptura das fronteiras convencionalmente trazadas entre documental e ficción polas que transita o audiovisual actual máis estimulante e estimular sutís xogos ao redor das nocións de reprodución, representación e creación. Jordá articula un cinema iconoclasta de elección persoal onde a vivencia, os dispositivos retóricos e a reflexión se integran.
Os exemplos (“El encargo del cazador”, “Monos como Becky”, “De niños”) permanecen vivos como fitos estéticos e sociopolíticos contemporáneos, narracións que desmantelan a noción avasaladora do sistema-espectáculo do supermercado da arte, rompen, á maneira que dicía Barthes, o seu significado imposto. A procura de creación dun suxeito activo, político e produtivo -non en van Jordá e Negri coinciden en tantos postulados-, presenta unha confrontación deliberada fronte ás estratexias globalizadoras da depredación e o substrato ideolóxico dominante desenvolvido desde os poderes fácticos. Santi Eraso, director de Arteleku, aludía cunha expresión, “performatividade da subxectividade”, á converxencia que en Jordá se presenta entre vida, obra, actitude e acción. O performativo equivale á acción máis o seu cumprimento, desviándose da procura de obxectividade e situando en primeiro lugar a comunicación.
A insurrección contra as forzas da normalización e a simultánea denuncia da nosa asimilación ou pasividade cara ás estratexias das estruturas de imaxes hexemónicas, leva en Jordá a dinamizar e suxerir esa provocación do cambio a partir de sucesos e feitos de expresión, efectos de saber. Creatividade desde a disidencia –á vez resistencia-, propón un modelo social paralelo que crece a pasos axigantados e que, favorecido pola ruptura da división tradicional tecnoloxía/ ideoloxía a través dos usos dixitais, el concibe en sintonía cos acontecementos.
Agradecementos: Joaquín Jordá, Carles Guerra, Filmoteca de Catalunya, Notro Films.