Jean Rouch. Crónica dunha revelación
Do 1 de outubro de 2006 ao 30 de outubro de 2006
En colaboración coa Alianza Francesa da Coruña.
Enxeñeiro nado en París en 1917, unha temperá e reveladora estancia en África modifica a vida e proxectos profesionais do viaxeiro Jean Rouch. Figura decisiva na evolución do documental, instaura un cinema etnográfico ou antropolóxico directo e reflexivo, desmitificador e rupturista coas convencións da tradicional representación do suxeito, tantas veces dirixida cara á mirada plena de tintes colonizadores practicada nos lugares do Terceiro Mundo. A obra de Jean Rouch defínese pola comprensión cara aos diferentes grupos étnicos, unha mirada de aparencia obxectiva e despoxada de prexuízos que, implicada no relato, non nega un grao de intervención do cineasta mentres transpira integración, improvisación e curiosidade. O seu paso a un observador axente (o que filma intervén decisivamente) establece un pulso cara á realidade que comeza cunha lenda perfecta: o primeiro filme que ve na súa vida é de Flaherty. Chámase Nanook, el esquimal, unha re-creación da realidade por vía antropolóxica que inicia toda unha tradición de corte poético. Nunha singular e eficaz colaxe de rexistros, Rouch formulará os distintos graos de interacción ou observación, desde a perspectiva do sociólogo á do xornalista, do antropólogo ao ensaista. A evolución deste cine de observación amosa vías diferentes na representación doutras culturas: do informe tradicional con narración (primeiros traballos, anos 40) á recreación a varias voces de Moi, un noir (1958), aproximación aos barrios baixos de Abidján (Costa de Marfil) cunha audaz mestura de elementos. Provocación de situacións, reconstrución cos protagonistas, representación de fantasías e soños, comentarios sonoros engadidos, interpelacións, procura de elementos de “revelación” que o afastan de toda ortodoxia. Anteriormente, Les maitres fous (1955), gravación dunha tan horripilante como memorable cerimonia de posesión, propoñía unha viaxe participativa e polémica na que prevalecía un respecto polos actores sociais ou suxeitos. Rouch creaba paralelismos que denunciaban o xugo colonialista propoñendo antes a elección dun mundo que unha vontade insistente e moralista de transformación; para el a capacidade de adaptación podía ser antes tolerancia que hipocrisía.
Etnocineasta, explorador da universalidade das emocións e a forza do azar e a improvisación, xestor do Musée de l´Homme de París, autor dunha vasta obra fílmica superior aos 100 traballos (e abundantes escritos), desenvolvendo as súas tarefas nos máis variados formatos, sen trípode, moitas veces en solitario ou limitándose á compaña dun enxeñeiro de son, mantén á vez unha prolongada colaboración co mundo da ciencia, sobre todo a través da figura da antropóloga Germaine Dieterlen. Autor de agudos retratos (Margaret Mead ou Depardon), os seus itinerarios fundamentalmente por terras africanas mudan a historia do cinema. Outro gran momento de colisión e reformulación das nocións de realidade e ficción virá dado coa obra, cofirmada por Edgar Morin, Crónica de un verano (1960), liña fundacional de confluencia de rexistros de estrita manipulación que, ademais de dar nome a un “cinéma-vérité” (el prefería a expresión “cinéma sincerité”) -superior na súa proposta ao cine directo estadounidense- que marca os anos 60 e inflúe en metodoloxías empregadas ata hoxe, sobre todo indica o paso da simple observación a un modelo interactivo ou participativo que comprenderá co tempo xentes tan dispares como Marker, Varda, Portillo, Moore ou Jordá e tamén infinidade de procedementos e técnicas fagocitadas pola televisión. Entusiasta sen límites, investiga e traballa ata o final, atopando a morte vítima dun accidente automobilístico no ano 2004 aos 87 anos, en medio dunha retrospectiva sobre a súa obra no seu querido territorio de Níxer.