Iván Castiñeiras, o cinema transfronteirizo
Do 8 de xaneiro de 2026 ao 10 de xaneiro de 2026
En 2012 Iván Castiñeiras irrompía coa súa curtametraxe A Raia, que causou unha pequena sensación no circuíto festivaleiro. Esta peza de media hora de duración destacaba por diferentes elementos, particularmente pola beleza dunhas imaxes rodadas en 16mm que contaban cunha textura táctil, artesanal, cálida; acariñando rostros e ferramentas de traballo. Era ese agarimo na mirada, alén do gozo estético, o que convertía o filme de Castiñeiras en singular. Un espazo no que quedar a habitar, o dun rural en proceso de abandono que abrazaba a hibridación fronteiriza e formal como esencia de vida e arte. Era unha peza etnográfica que, con todo, se resistía a ser catalogada como simplemente iso. O resultado, honesto, era o propio de ter convivido cunha familia da Raia durante longo tempo. A ela volverá en 2025. Pero que acontece neste ínterim?
Castiñeiras asombrou, como dicimos, pola súa coidada fotografía. Comezaron a chamalo doutras producións para traballar de camarógrafo, tanto en Portugal como en España, onde ten desenvolvido unha lonxeva relación con compañeiros como Diana Toucedo ou Ángel Santos. Durante longo tempo recalou en Francia, ampliando os seus estudos de cinema na prestixioso escola Le Fresnoy. No contexto desta formación realiza varias curtas propias como Où est la jungle? (2015) ou Trajectory Drift (2018), centradas en temas etnográficos ou no fenómeno da migración masiva en Europa. Son filmes de clara experimentación formal e de sutís retratos humanos. Acumula seleccións en festivais internacionais e algúns premios, mentres aumenta os seus territorios como director de fotografía, colaborando en producións de todo o continente europeo. Quizais sentindo unha certa distancia con algúns destes proxectos, Castiñeiras vai paseniño deixando a dirección e durante longo tempo concéntrase no departamento de imaxe, no que evoluciona cunha técnica cada vez máis depurada. Cando se lle pregunta se traballa nalgo de seu, non deixa de citar con certa timidez a convivencia coa familia que xa visitara en A Raia. Pasan os anos e...
2025. Deuses de Pedra, a súa primeira longametraxe, é seleccionada no festival de Rotterdam. As palabras da crítica Rebecca de Pas para o catálogo, reproducidas na ficha do filme neste ciclo, encapsulan perfectamente o que é esta película.
Deuses de Pedra é, entre moitas outras cousas, o retrato dunha identidade cultural que non entende de estados nin divisas, o dun pobo que leva sendo o mesmo dende hai cando menos oito séculos, sen que desatinos políticos afecten a súa esencia. Porén, é un estilo de vida que se perde, inexorablemente, en moitos lugares periféricos de Europa. Pecha a escola unitaria, a xente marcha a traballar ao estranxeiro e xa non volve máis que para as vacacións, os empregos tradicionais esmorecen e a única industria que se presenta como posible entraña grandes riscos medioambientais. É unha historia compartida en moitos destes lugares remotos do noso continente, pero tamén unha específica, que se traslada na fala e nunha tradición cultural, sobre todo cinematográfica, na que Castiñeiras se inscribe conscientemente.
É imposible non ver Deuses de Pedra sen convocar o cinema de Margarida Cordeiro e António Reis, particularmente Trás-os-Montes (1976) nesas secuencias de volta ao pasado, de película de época dentro dun documental etnográfico, que Castiñeiras se marca en certas pasaxes, aludindo ao eterno retorno dos costumes imperturbables do lugar, ás historias que esculpen mitos inscritos en pedra. Ten así a fita unha vertente fantástica e histórica, poética, que a afasta do simple rexistro das circunstancias desta familia ao longo de 15 anos.
Se Deuses de Pedra só fose iso, estariamos a falar igualmente dunha gran película, filmada con asombrosa consistencia ao longo de década e media. O corazón emotivo do filme reside en Marina, esa rapaza que vemos medrar dende os catro anos ata que, con 17, debe tomar a decisión de se permanecer na vila ou emigrar, como tantos outros, na procura dun futuro mellor. Con espírito similar ao do Boyhood (2014) de Richard Linklater, Castiñeiras vai fiando esta narrativa ao longo de varias etapas na vida da rapaza que non sempre seguen unha linealidade narrativa clara; traza unha complexa trama de personaxes que se cruzan con ela e modula varios xéneros e estilos. Pero o director nunca perde o curso principal: Marina e, con ela, a súa familia. Dende o descubrimento do mundo nesa primeira infancia ata as convulsións emocionais da adolescencia, Marina é retratada cunha proximidade que asombra e cun rexistro moi afastado dos estándares do cinema directo, porque Deuses de Pedra é pura lírica, non se contenta co fáctico, senón que se compromete cunha esencia máis espiritual das cousas e as persoas. Un filme esencial para a historiografía do cinema galego. Un punto e á parte na nosa filmografía. Unha obra mestra.
Deuses de Pedra
A Raia
Où est la jungle?
Trajectory Drift