IL CINEMA RITROVATO
Do 20 de xaneiro de 2015 ao 4 de febreiro de 2015
IL CINEMA RITROVATO
Homenaxe a un festival creado pola Cineteca de Boloña hai 28 anos, consagrado á presentación de películas que se consideraban imposibles de encontrar ou que se crían perdidas, provenientes de filmotecas de todo o mundo: www.cinetecadibologna.it/cinemari- trovato2014. O festival é unha cita ineludible para reflexionarmos sobre a Historia do Cine, con proxeccións, obradoiros e conferencias dos máis prestixiosos historiadores e arquivistas do mundo. Esta homenaxe pasou por Bruselas, Helsinki, Oslo e varios puntos de España e Portugal. Consiste en 6 programas formados por filmes restaurados pola Cineteca de Boloña e o seu propio laboratorio, L’ Immagine Ritrovata estreados no marco do festival. O programa foi comisariado por Guy Borlée, actual responsable do festival.
Este programa é unha pequena escolla de películas restauradas pola Cineteca de Boloña tanto en copias en 35 milímetros coma en formato DCP. Dos filmes mudos primitivos aos clásicos italianos, dos acendidos anos vinte á dourada década dos sesenta pasando pola referencia documental (Vittorio de Seta). O traballo internacional engade un clásico indio.
En palabras do tristemente falecido -no setembro pasado- director artístico Peter von Bagh, Il Cinema Ritrovato é o ceo puro dos cinéfilos. Unha marabillosa máquina do tempo lanzada en 1986, a viaxar entre Boloña e o resto do mundo, un percorrido pola Historia do Cine, con películas sonoras ou mudas e moitas veces con música en directo, en celuloide ou dixital. A vindeira edición do festival, a número 29, terá lugar do 27 de xuño deica o 4 de xullo de 2015, con aproximadamente 360 títulos de 1895 ata hoxe, 5 salas dispostas dende o amencer, así como proxeccións ao aire libre na fantástica praza maior de Boloña, Piazza Maggiore, e no patio da Cineteca, na Piazzetta Pasolini. Oito intensos e memorables días para descubrirmos as mellores copias e as restauracións dixitais das filmotecas e arquivos fílmicos máis importantes de todo o mundo, ou atoparmos os protagonistas principais e as películas máis descoñecidas.