Guillermo Galoe
Do 14 de abril de 2026 ao 17 de abril de 2026
Guillermo Galoe é un dos cineastas máis politicamente comprometidos do actual panorama do cinema español. A súa ópera prima en 2016, Frágil equilibrio, construíase en torno a unha entrevista co expresidente de Uruguai José Mujica, referente mundial do socialismo democrático, na que explica os puntos esenciais do seu ideario. O momento de realización coincide coa explosión da esquerda alternativa en España xurdida da organización cidadá pos-15M e os temas do filme dalgunha maneira non deixan de soar hoxe como a recollida desas reivindicacións. Os escenarios que Galoe intercala coa entrevista son tres. En Madrid, unha plataforma antidesafiuzamentos. En Marrocos, mozos subsaharianos que intentan cruzar a España. En Toquio, dous comerciais que traballan a reo como autómatas. En torno a isto, Mujica esténdese principalmente sobre dous puntos: a redistribución da riqueza, concepto transversal a todo o espectro nado da tradición marxista; e a conquista do tempo dos traballadores como única forma de liberdade, elevando a cuestión a un terreo filosófico, na liña dos escritos de Byung-Chul Han ou do referencial ensaio Eloxio da ociosidade, de Bertrand Russell.
Alén da riqueza do discurso oral de Mujica, a fita explota unhas belas filmacións que tenden por momentos á abstracción da paisaxe urbana e que afastan a proposta dun rexistro documental ao uso, elementos que Galoe perfeccionará máis tarde na súa carreira. A longametraxe estréase en Rotterdam e acaba por gañar o Goya, causando un impacto considerable nese momento.
Despois disto, Galoe estivo a rumiar varios proxectos durante anos. En 2023 volve á escena con tres curtametraxes. A primeira delas, Lo-Tech Reality, filmouna nas ruínas industriais dun Detroit baleirado de xente. O lugar ideal para imaxinar un filme de ciencia-ficción no que uns visitantes do futuro atopan unha mensaxe oculta nas construcións e sons da cidade. Galoe edita o que podería considerarse este resultado da investigación extraterrestre, con imaxes filmadas por el mesmo. O urbanismo preséntase como unha amálgama de formas en movemento, ao son de mensaxes sonoras, cunha elaborada construción electrónica afrofuturista da man do colectivo Underground Resistance. Todo isto, unido aos efectos dixitais do artista visual Miguel D’Errico, xogando a crear formas simétricas descontextualizadas con certos edificios, acaba por converter Lo-Tech Reality nunha forma actualizada de sinfonía urbana.
Ese mesmo ano presenta na Quincena de Cineastas de Cannes As Gaivotas Cortam O Céu, rodada no Porto no contexto do proxecto Portugal Norte, abandeirado polo propio certame. A idea consiste en tomar a rexión dun país e poñer a colaborar autores locais con internacionais, con pezas rodadas na contorna que reflictan a vida neses lugares. Así, da man de Mariana Bártolo, Galoe asina unha ficción centrada nas loitas sindicais do porto da urbe, principalmente a través dos ollos de dúas mulleres que traballan no bar do peirao e nos barcos respectivamente. Cun elegante branco e negro, é o segundo filme que o realizador presenta ese ano no festival francés, contando en competición oficial con Aunque es de noche, xermolo da súa posterior longametraxe, Ciudad sin sueño (2025). Ambas están protagonizadas por Antonio Fernández Gabarre e filmadas coa comunidade xitana de La Cañada Real, ás aforas de Madrid, na estela do cine social de Ken Loach ou os irmáns Dardenne.
Ciudad sin sueño
Máster class Guillermo Galoe: 'As sombras vestían de lume'
Lo-Tech Reality
As Gaivotas Cortam o Céu
Aunque es de noche