FÓRA DE SERIE
Do 1 de maio de 2013 ao 30 de xuño de 2013
O CGAI aproveita esta sección da programación non só para ofrecermos toda unha serie de estreas que non chegan ás salas comerciais, senón tamén, como nesta ocasión, para proxectar senllas restauracións de títulos clásicos -El hombre tranquilo (1952) de John Ford- ou de culto –a narración metacinematográfica española, Vida en sombras (1948) de Lorenzo LLobet-Gràcia- en formato DCP. O caso de El hombre tranquilo é relevante, resultado dunha minuciosa restauración escaneada a 4 k fotograma a fotograma, e que supera o baleiro legal emanado da morte do seu protagonista, John Wayne, e do conflito mantido polos herdeiros coa Paramount, ambos copropietarios do filme.
Recuperamos títulos de Naomi Kawase (festival Cannes 2011), de quen seguimos a completar a súa filmografía, ao tempo que estreamos un conto de fadas francés, entre o enigmático, o máxico e o cruel, Nana (2011) de Valérie Massadian, e un relato iniciático de estirpe mística, a arxentina Los salvajes (2012) de Alejandro Fadel. O repaso á actualidade da non ficción permite proxectarmos Volar, proposta da moza catalá Carla Subirana, singular aproximación ao universo militar, e a gañadora do Óscar á mellor longametraxe documental, Searching for Sugar Man (2012) de Malik Bendjelloul, investigación sobre o músico de Detroit dos anos 60-70 Sixto Rodríguez, perdido no esquecemento ao tempo que as súas composicións pasaban a ser emblemas da loita contra o apartheid sudafricano.
Por último, contamos coa presenza (física) de dous estimables autores arxentinos: a gañadora de Locarno 2011, Milagros Mumenthaler, con Abrir puertas y ventanas, drama íntimo e delicado, e, de novo, o arxentino Matías Piñeiro, uns meses despois da súa visita ao CGAI, nesta ocasión para presentar Viola (2012), feliz exaltación do seu universo, lúdico e teatralizante.
Agradecementos: Milagros Mumenthaler, Matías Piñeiro, Centro Niemeyer, Fran Gayo, Carla Subirana, Elena Cardezo, Esther Sánchez, Filmoteca de Catalunya, Rosa Saz.