Fóra de serie
Do 1 de setembro de 2008 ao 30 de setembro de 2008
O CGAI presenta dúas sesións dentro da sección “Fóra de serie” este mes. Por un lado, dous excelentes traballos con carácter de presentación, dirixidos por prometedores e novos directores, Ángel Santos e Oliver Laxe, que veñen de ser premiados na primeira edición do Filminho, festival de cinema galego e portugués que se celebrou nos concellos de Tomiño e Vilanova da Cerveira entre os días 22 e 27 de xullo deste ano e ao que se lle dedica un espazo de difusión que esperamos teña a adecuada continuidade. Por outro lado, o regreso do polifacético artista arxentino afincado en Galicia José Luis Ducid, que coa colaboración do mozo Xosé González Varela, ofrece dúas pezas que indagan na cultura underground galega. Ambas as sesións contarán con varios dos seus autores e protagonistas.
Agradecementos: Xurxo González, Ángel Santos, Oliver Laxe, José Luis Ducid, Xosé González Varela, Alberto Lodeiros, Carlos Caamaño.