FESTIVAL FREAKEMACINE
Do 23 de outubro de 2014 ao 25 de outubro de 2014
O Freakemacine, certame especializado en ciencia-ficción, terror e fantástico, atinxe a súa sexta edición. Nesta ocasión a súa actividade no CGAI vaise centrar en cinco sesións. Ademais das xa habituais curtametraxes a competición, poderemos ver o filme colectivo inspirado no grand guignol escénico, The Theatre Bizarre (2011), seis historias de terror con Tom Savini entre os directores. Por último, unha ocasión histórica: a celebración do segundo centenario do pasamento no manicomio de Charenton do marqués de Sade (1740-1814), o lendario escritor, pensador e libertino francés reivindicado pola vangarda histórica do século XX. Dúas longametraxes de culto cobren esta homenaxe: Marquis (1989) de Henri Xhonneux, filme biográfico de animación sobre o afamado pensador con guión do escritor Roland Topor –vinculado ao cine a través doutros títulos singulares, El planeta salvaje ou El quimérico inquilino-; Saló o los 120 días de Sodoma (1975), o descarnado e derradeiro filme de Pier Paolo Pasolini, inmediatamente asasinado, un retrato do horror do fascismo filmado sen miramentos e inspirado nunha das obras máis coñecidas de Sade.
Agradecementos: Marie Kervyn, Eric Van Beuren, YC Aligator Film, Alberto Ruiz de Samaniego, Luis M. Rosales Diz, Víctor Matellano, Alfonso Pato, Fabrice Lambot, Metaluna Productions, David Gregory, Severine Films, Luisa Pena Moreno, Ferrán Herranz.