FEDERICO FELLINI (II)
Do 1 de marzo de 2012 ao 30 de abril de 2012
En colaboración con Donostia Kultura, IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca de Navarra.
O cineasta italiano Federico Fellini (Rimini, 1920-Roma, 1993) é un dos grandes mestres da historia do cine. Xenio en perpetua ebulición creadora que atinxe o control absoluto sobre os seus traballos, hoxe aparece un tanto esquecido ou reducido –os tópicos do barroquismo, do solipsismo e da melancolía- como referente artístico. Así, o completo ciclo que propomos ofrece unha relectura da súa traxectoria. Fellini posúe unha obra que permanece como legado cultural e artístico rico e singular ao tempo que ligazón -sempre de xeito persoal, independente-, con etapas claves da historia da cinematografía italiana e do decorrer do propio país. Gañador de cinco Oscars de Hollywood, premiado en Cannes e Venecia, mito popular en vida -películas co seu nome no título, o estudio romano Cineccità completamente ao seu dispor, vocablos incorporados á fala-, o seu particular emprego de realismo e de fantasía permite a descuberta constante de novos aspectos na súa filmografía, produto da súa laboriosa escritura fílmica. Os seus comezos na Italia da 2ª Guerra Mundial e a paisaxe acre da posguerra como debuxante de cómics, escritor na radio e guionista de títulos do espertar neorrealista (clásicos como Roma, ciudad abierta ou Paisà) fan que á veta satírica deseguido se lle engadan capas de complexidade. Se Luci del varietà (1951) e El jeque blanco (1952) explicitan a vertente humorística, a herdanza neorrealista mobiliza os títulos exitosos que se suceden, La Strada (1954) ou Las noches de Cabiria (1957), protagonizadas pola súa compañeira eterna, Giulietta Masina, actriz fetiche (do mesmo xeito que ha configurar un alter ego masculino con Marcello Mastroianni). Os límites realistas explorados marcan primeiro a entrada na modernidade (La Dolce Vita, 1960) e logo a presenza do antroido como elemento configurador, unha peculiar concepción do tempo, a construcción dos espazos e o ton mortuorio orixinan unha lúcida metáfora da incerteza. Desde Ocho y medio (1963) Fellini mestura inventiva, carácter poético, a estilización dunha abraiante posta en escena que in crescendo alcanza a lucidez (pre)testamentaria (Casanova, 1976) despois de atravesar o terror (Toby Dammit, 1968) e os itinerarios da memoria (Amarcord, 1974), preludios dunha etapa final catódica, menos coñecida e máis íntima, onde a autoconsciencia e a reflexión sobre a imaxe son de novo instrumento de experimentación.
A publicación dun monográfico, o número 7 da publicación especializada Nosferatu, amplia e completa esta aproximación á obra do cineasta italiano. O ciclo segue nos meses de maio e xuño.