Federico Fellini (I)
Do 10 de xaneiro de 2012 ao 29 de febreiro de 2012
En colaboración con Donostia Kultura, IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca de Navarra.
O cineasta italiano Federico Fellini (Rimini, 1920-Roma, 1993) é, sen dúbida, un dos grandes mestres da historia do cine. Xenio e ser único en perpetua ebullición creadora que alcanza a ter control absoluto sobre os seus traballos, o director de Rimini aparece hoxe un tanto esquecido ou reducido –os tópicos do barroquismo, o solipsismo e a melancolía- como referente e obxecto de estudo, polo que o completo ciclo proposto establece unha relectura da súa traxectoria. Fellini posúe unha obra que permanece xa non só como legado cultural e artístico rico e singular senón tamén como enlace, sempre de xeito persoal e independente, con etapas e momentos claves da historia da cinematografía italiana e do decurso do propio país. Gañador de cinco Oscars de Hollywood, premiado en Cannes e Venecia, mito popular en vida -varias das películas levan o seu propio nome no título, o estudo romano Cineccità está nas rodaxes ao seu enteiro servizo, xenera ata vocablos introducidos no acervo popular: o termo paparazzi en La Dolce Vita, 1960-, o seu singular emprego de realismo e fantasía permite descubrir constantemente aspectos novos na súa filmografía, produto da súa laboriosa escritura fílmica. O seus comezos na Italia da 2ª Guerra Mundial e a paisaxe acre da posguerra como debuxante de cómics, escritor na radio e guionista de títulos emblemáticos do espertar neorrealista (clásicos como Roma, ciudad abierta ou Paisà) fan que á veta satírica pronto se lle engadan capas de complexidade. Se a ópera prima El jeque blanco (1951) explicita a vertente humorística, a herdanza neorrealista moviliza os títulos exitosos que se suceden, La Strada (1954) ou Las noches de Cabiria (1957), protagonizadas pola súa compañeira eterna, Giulietta Masina, actriz fetiche (ao igual que no eido masculino configurará un alter ego co talento de Marcello Mastroianni). Os límites realistas explorados marcan primeiro a entrada na modernidade (La Dolce Vita) e logo a presenza do antroido como elemento configurador e organizativo, unha peculiar concepción do tempo, a construcción dos espazos e o ton mortuorio orixinan unha lúcida metáfora da incerteza. Desde Ocho y medio (1963) Fellini mestura inventiva, carácter poético, a estilización dunha abraiante posta en escea que in crescendo alcanza a lucidez máis amarga (Casanova, 1976) despois de atravesar o terror (Toby Dammit, 1968) e os itinerarios da memoria (Amarcord, 1974), preludios dunha etapa final catódica, menos coñecida e máis íntima, onde a autoconsciencia e a reflexión sobre a imaxe son de novo instrumento de experimentación.
A publicación dun monográfico, o número 7 da nova etapa da publicación especializada Nosferatu, amplia e completa esta aproximación á obra do cineasta italiano. O ciclo segue nos vindeiros meses.

Los inútiles

La Strada

Almas sin conciencia

Las noches de Cabiria

Ocho y Medio

Los clowns

Giuletta de los espíritus

Satiricón

Roma
