Extraterritorial
Do 1 de novembro de 2007 ao 30 de novembro de 2007
Logo do éxito do seminario e o ciclo complementario paralelo desenvolvido durante o mes de xullo co título global de “Extraterritorial, vangarda, experimental. O outro cinema español”, na programación do CGAI creamos unha nova sección de periodicidade mensual. Nace coa vocación de presentar traballos de corte experimental, propostas periféricas e alternativas, fóra tanto de convencións narrativas como de circuítos de exhibición e distribución ao uso. Presididas pola quebra coa narración institucionalizada, amosaremos traballos ben directamente experimentais, vangardistas, marxinais, estruturais, materialistas, reflexivos, ensaísticos ata materiais trazados desde diferentes graos de clandestinidade, en definitiva un conxunto de propostas heteroxéneas e singulares pouco coñecidas, atípicas e a contracorrente, á marxe ⎯case sempre de maneira absoluta⎯ da senda pola que circula o resto da produción. Inauguramos a sección coa película Tira tu reloj al agua (2005), tributo ao granadino José Val del Omar, sen dúbida o autor extraterritorial máis recoñecido na Historia do cinema español, unha peza inédita entre nós firmada polo teórico, cineasta e experto en prácticas artísticas visuais de carácter experimental Eugeni Bonet.
Agradecementos: Eugeni Bonet, José Luis Chacón, Diputación de Granada, Julio Pérez Perucha.