Errol Morris (e II)
Do 1 de maio de 2005 ao 31 de maio de 2005
En colaboración con: Festival Internacional de Cine de Las Palmas, Universidad Autónoma de Barcelona.
Un director que reinventou a linguaxe do documental nas últimas décadas a partires da ruptura con dúas das consignas principais do cine directo americano: o cine “sen control” (un-controlled cinema) e o cineasta como mosca na parede (fly-on-the-wall). As películas de Morris presentan quizais o máis brillante e sutil exercicio do cinema en primeira persoa no marco do documental contemporáneo e a contracorrente dos modelos hoxe hexemónicos de inscrición do documentalista no filme. Desde os seus inicios como cineasta na non ficción, Morris, optou por substituír a cámara ao ombro e a luz natural polo trípode e a iluminación artificial, e comezou a desenvolver unha forma de intervención baseada no control da filmación e da relación cos suxeitos entrevistados —para cuxo manexo creou o Interrotron, unha variante do Teleprompter que permite que os entrevistados miren directamente á cámara (ao espectador) e aos ollos de Morris ao mesmo tempo— e un depurado tratamento e edición dos materiais propios e alleos que, xunto á elaborada banda sonora cunha contundente presenza da música […] outorga aos seus traballos unha factura persoal dificilmente homologable. É a partires destes presupostos como foi explorando diferentes dispositivos de representación cos que pensar, e facer pensar ao espectador, acerca de como cremos, coñecemos e falamos sobre o mundo. [...]
The thin blue line (1988), a súa terceira película como director, representou un verdadeiro punto de inflexión para o documental contemporáneo e supuxo o primeiro recoñecemento de Errol Morris como cineasta. […]. Esta sorte de exercicio reflexivo construído a partires das resonancias e reverberacións xeradas pola edición dos testemuños entre si e con outros materiais visuais e sonoros, e que apuntan a significacións que transcenden con moito aquilo que as palabras e as imaxes representan, constitúe, sen lugar a dúbidas, a mellor achega da súa filmografía ao cine contemporáneo. Os personaxes das súas películas son habitualmente seres estraños ou excepcionais, suxeitos considerados socialmente como personaxes excéntricos —Gates of heaven (1978) ou Vernon, Florida (1981)—, como paradigmas do xenio ou a intelixencia —A brief history of time (1992)—, ou encarnacións do mal e o desprezo pola vida dos outros no mundo moderno —Mr.Death: the rise and fall of Fred A. Leuchter (1999) e The fog of war: Eleven lessons from the life of Robert S. McNamara (2003). [...] Así, a súa filmografía encámiñase cara ao ensaio fílmico sen utilizar os recursos habituais da dita práctica, pero facendo que sobre ela planen como obxectos de reflexión a vida e a morte, os soños e as decepcións, a guerra e o poder.
Mª Luisa Ortega (texto incluído no catálogo do VII Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria).
Procedente de Long Island (Nova York), onde nace en 1948, Errol Morris, licenciado en filosofía, é autor dunha produción de carácter documental, sete longametraxes e unha serie de televisión, centrada principalmente en torno aos testemuños de persoas reais. Son narracións en primeira persoa nas que este memorable retratista da excentricidade, unha sorte de cineasta-detective, presenta dispositivos que lle permiten indagar, fragmentar e completar situacións e memorias alleas concibindo un conxunto de orixinais relatos biográficos que cuestionan a noción mesma de verdade asociada á categoría da non ficción. Non é casual que o cineasta abxure do cinéma-verité, de práctica totalitaria no documental cando debuta en 1978. A submisión dunha forma de representación do cinema á categoría de reportaxe, mera variante periodística, anquilosa a posibilidade de camiños máis fructíferos. Nos seus inicios a súa obra é ignorada, atilada de estrafalaria ou delirante. O éxito de “The thin blue line” (1988), intensa e elaborada introspección na dubidosa maquinaria pericial e os recantos da representación, convértese, ademais, nun dos contados casos nos que un filme intervén facilitando probas e modificando a realidade. Cineasta coherente, toda unha sucesión de títulos estimulantes, “Fast, cheap & Out of control” (1997), “Mr. Death” (1999), “The fog of war” (2003) ou a serie “First Person” (2000-2001), presentan un autor no que a estilización deliberada e a estrutura medida da narración parecen redescubrir ou unir alternativas fóra de toda ortodoxia. O emprego de referentes fílmicos xenéricos (mesmo de imaxes extraídas doutras películas), as reescenificacións dramatizadas, a fragmentariedade como superación do aparente estatismo do close-up, a importancia da banda sonora musical, a combinación dos materiais máis diversos (home movies, noticiarios, imaxes de arquivo) rachan cos recursos tradicionais do documental testemuñal ou do docudrama. Unha serie de filias moi comúns (morte, violencia, poder, mundo natural, (a)normalidade) aparecen disgregadas e condensadas de forma rupturista. No emprego de recursos próximos á recreación medra a mesma deconstrución dos personaxes, vivos e doentes, expostos. Materiais humanos que poderían pasar por truculentos, sórdidos ou grotescos, xiran de xeito máis poliédrico, robustecido dun sentido da ironía notable, cara a vías só transitadas por rastreadores modernos que captan vidas turbias e insólitas (Seidl, Haneke, Lynch, Kaurismaki, Cronenberg,...), alcanzado por modelos antecedentes non ficticios (Jean Rouch, Leacock, Wiseman), sen esquecer cineastas da liña Mélies (Welles, Sirk, Wilder) cos que Morris atopa trazos concomitantes ao tempo que establece claras liñas de quebra. As categorías tradicionais —o teórico Bill Nichols vaino colocar na modalidade documental reflexiva, xa que nos ofrece unha problemática relativa ao propio texto—, explotan, mentres os seus filmes se configuran como tratados existenciais que axudan a reencadrar e diseccionar o sistema e a propia Historia. Como todo gran retratista, a sociedade na que os homes se desenvolven tamén acaba saíndo á superficie.
O estatuto de representación do real no cinema de Morris devén nas súas eleccións, artelladas en torno ao uso duns aparellos de son e imaxe de invención e desenvolvemento propio (Megatron, Interrotron), que crean un novo sentido na íntima relación que facilita a súa obra mediante monitores polos que el e o conxunto de personaxes retratados, de brillantes tecnócratas ou científicos a inofensivos excéntricos, se miran constantemente. O emprego de cámaras múltiples, favorecido agora polo emprego de tecnoloxía dixital, contribúe a unha perspectiva complexa, un multiperspectivismo da realidade e dos individuos seleccionados. O xogo coas concepcións de verdade, ficción ou credibilidade conforma un produto mestizo que recupera a xuntanza de compoñentes que definen a Historia do cinema: tecnoloxía, mirada, inocencia, busca, artificio, relato, representación. Texto e imaxe conviven a niveis moi similares, pois —dun xeito distinto, máis realista, menos poetizado ca un Chris Marker—, a asociación de ambos leva a xénese dunha nova dimensión, doutras suxestións. A frontalidade nas miradas remítenos a unha franqueza desexada, un proceso de simbiose entre interlocutores paralelo á nosa intrusión no seu relato. Constrinxidos a unha espacialidade mínima, a palabra, o texto, expándense transformando até a concepción de fóra de campo, agora un off forzado a ser reconstruído polo receptor. Aínda que como di Morris no seu último filme: “vemos o que queremos ver”.
José Manuel Sande
Ciclo sobre o documentalista americano Errol Morris que, entre os meses de abril e maio, presentará a práctica totalidade das súas longametraxes documentais e unha coidada selección dos episodios da serie televisiva “First Person”. A súa última película, “The Fog of War” gañou o Óscar ao Mellor Documental en 2004. Aínda que os seus traballos foron emitidos por diversas canles televisivas e pese a estar recoñecido como un dos grandes documentalistas da actuliadade, ningunha das súas películas foi estreada comercialmente en España.
Agradecementos: José Manuel Sande, Errol Morris, Globe Department Store, Sony Pictures International, Well Spring Media, Lions Gate Films.
Agradecementos: José Manuel Sande, Mª Luisa Ortega, Errol Morris, Globe Department Store, Sony Pictures International, Well Spring Media, Lions Gate Films.

Smiling in a Jar

VERNON, FLORIDA

I Dismember Mama

The Little Gray Man

You’re Soaking in It

Mr. Debt
