DESENCADRES: ÚLTIMAS FRONTEIRAS
Do 1 de novembro de 2013 ao 21 de decembro de 2013
En colaboración con: Zeitun Films.
Fóra de toda delimitación, arredados do recadro evidente, os Desencadres da nova programación do CGAI aproveitan a estrea de dúas importantes e premiadas películas galegas: O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia e Costa da Morte de Lois Patiño. A sección da programación presenta un pequeno ciclo no que tanto o filme de Gracia, unha viaxe chea de sentido surreal da existencia e altas doses de humor en forma de, en verbas do seu autor, “traxicomedia do século XXI”, un título premiado en Rotterdam que recolle as pegadas do mito, e o de Lois Patiño, premio en Locarno, un poético percorrido por espazos de enorme beleza onde prima a moi particular relación entre imaxe e texto e mais a elaborada organización dos dispositivos formais, fanse acompañar doutras tres películas que, dalgún xeito, presentan espazos xeográficos e personaxes afastados diso que se deu en chamar a civilización moderna: o ermitán que habita nas Highlands escocesas de Two Years At Sea, de Ben Russell, ou o músico Robert AA Lowe que conforma o eixe dos tres episodios de A Spell To Ward Off The Darkness, a longametraxe froito da colaboración entre o propio Rivers e Ben Russell, o dúo ao que o CGAI e S8 Mostra de Cinema Periférico lle dedicaron un ciclo en xuño deste mesmo ano, película que agora se presenta como première en España. Os escenarios dos filmes de Rivers e Russell, tamén os dos de Gracia e Patiño, ben puideran ser os mesmos ata os que o artista canadense Michael Snow levou a súa cámara en 1971 para filmar, desde un dispositivo robotizado, a súa mítica La Région Centrale, que o catálogo do último Festival de Rotterdam definía como “a película experimental máis espectacular realizada en calquera lugar do mundo”.
Agradecementos: Lux, Rouge International.