O quinto Evanxeo de Gaspar Hauser
Alberto Gracia, 2013.
61'. DCP. Presentación do director o martes 17. Entrada de balde.
O QUINTO EVANXEO DE GASPAR HAUSER
(España, 2013)
Dirección e guión: Alberto Gracia. Produción: Zeitun Films. Fotografía: Mauro Herce. Intérpretes: Josecho, Sara García, Oliver Laxe. Duración: 61 minutos.
Novo episodio das peripecias do enfant sauvage Gaspar Hauser, acompañado do seu inseparable e querido cabaliño de madeira. Suxeito imposible, Gaspar ten nesta ocasión a personalidade fragmentada en cinco personaxes arquetípicos: un anano sadomasoquista, unha sedutora doncela, un tipo cínico e déspota, un mariñeiro romántico e un batman patético, encarnado este último polo propio director da película. Un antiheroe de bata e zapatillas, fumador compulsivo, que representa a inadaptación en que está inserido o home decepcionado, o home que pensa, o home que é deste mundo sen selo. Unha viaxe chea de sentido surreal da existencia e altas doses de humor, “traxicomedia do século XXI”. Título galego premiado no Festival de Rotterdam.