DESENCADRES: STAN BRAKHAGE
Do 7 de xaneiro de 2014 ao 28 de febreiro de 2014
Fóra de toda delimitación, arredados do recadro evidente, os Desencadres da nova programación do CGAI-Filmoteca de Galicia inician unha serie de programas dedicados a Stan Brakhage (1933-2003), un dos cineastas experimentais máis influíntes de todos os tempos. A intención é ofrecermos, cando menos, un par de sesións en cada programación bimestral. Estes programas de carácter temático e sen ningún afán completístico, pois a obra de Brakhage acada varios centos de títulos, a maioría de moi curta duración, teñen como finalidade achegarmos os espectadores a un dos cineastas norteamericanos máis importantes, pero tamén, en virtude da súa dedicación a un cine non narrativo, máis descoñecidos, cuxo prestixio, paradoxicamente, é quizáis maior nos espazos das artes plásticas que nos do cine. Esta serie comeza cun programa dedicado a algúns dos títulos máis coñecidos da súa primeira etapa, os anos cincuenta: Anticipation of the Night ou Window Water Baby Moving, entre eles (todos silentes, pois máis adiante haberá outro programa coas súas primeiras películas sonoras) e un máis centrado na triloxía The Pittsburgh Documents (1971), que inclúe unha das súas películas máis famosas e polémicas, The Act of Seeing With One’s Own Eyes.
Sesión INICIOS: Anticipation of the Night (1958), Cat’s Cradle (1959), Sirius Remembered (1959), Wedlock House: An Intercourse (1959) e Window Water Baby Moving (1959).
Sesión THE PITTSBURGH DOCUMENTS: Deus Ex (1971), Eyes (1971) e The Act of Seeing With One’s Own Eyes (1971).
Agradecementos: Canyon Cinema.