David Lean (I)
Do 1 de outubro de 2008 ao 31 de outubro de 2008
En colaboración con Donostia Kultura e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
O CGAI ofrece un completo ciclo dedicado ao director británico David Lean (1908-1991), cineasta minucioso e esixente, viaxeiro e analista das vicisitudes da psicoloxía humana, que se prolongará a través das súas 16 longametraxes dirixidas ata o mes de febreiro de 2009. Gañador de 2 Óscars e 3 Globos de Ouro, antigo montador e guionista, a súa evolución permite albiscar desde un cine sensible e austero na súa etapa británica –incluíndo as dúas mellores adaptacións realizadas sobre a obra de Dickens, Cadenas rotas (1946) e Oliver Twist (1948)- para dar lugar a partir d’El puente sobre el río Kwai (1957) a superproducións de narrativa depurada e procura de perfeccionismo como Lawrence de Arabia (1962), Doctor Zhivago (1965), La hija de Ryan (1970) ou Pasaje a la India (1984) onde a complexidade dos personaxes en medio de conflitos ou enfrontamentos extremos se mesturaba con elegancia e habilidade no relato de acción, desvirtuando toda tentativa de adscrición xenérica e conciliando con sobria teimosía industria e arte. Sorprende a distancia entre a popularidade e o recoñecemento da obra de Lean e o baleiro bibliográfico ou referencial existente sobre a súa obra no noso país, como tamén as súas dificultades finais para realizar o seu traballo. Lean morre cando ía regresar como director cunha adaptación de “Nostromo” de Joseph Conrad, que queda como o seu gran proxecto inacabado xunto ao díptico frustrado sobre o motín da Bounty, que dera lugar ás dúas versións de Rebelión a bordo, e que lle ocupa boa parte da década dos 70.
O ciclo vai acompañado do terceiro número da nova etapa da publicación “Nosferatu”, monográfico dedicado a Lean coincidindo coa celebración do seu centenario.
Agradecementos: Nick Varley, Park Circus (Gran Bretaña), Sue Jones, British Film Institute (Gran Bretaña), Eduard Ferrer, Cooper Films.