Danielle Arbid (e II)
Do 1 de xaneiro de 2008 ao 31 de xaneiro de 2008
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón.
O cine da cineasta libanesa Danielle Arbid (Beirut, 1970) é epidérmico, sensual e reflexivo. Relatos cotiáns onde, por enriba dos conflitos concretos e a realidade terrible, afloran os sentimentos e o goce pola vida dos seus personaxes. Na súa última película, Un Homme Perdu (2007), estreada na Quincena de Realizadores de Cannes, amosa este desexo humano por explorar os instintos, aferrarse aos recordos e buscar na sexualidade un sentido á vida. Desde os seus inicios, Arbid envorca a súa memoria persoal a través de títulos documentais como Seule Avec la Guerre (2000), Leopardo de Prata en Locarno, ou Aux Frontières (2002), viaxe pola liña fronteiriza que separa Israel de Siria, Líbano, Xordania e Exipto, un espazo vixiado onde a súa cámara agarda polos refuxiados palestinos que a cruzan a diario. A realización de Maarek Hob (2004), ambientada en 1983, en medio do conflito que arruinou o seu país de orixe, serve de mostra: un preciso retrato sobre o espertar dunha nena ao mundo dos adultos e as súas complexas relacións.
Agradecementos: Danielle Arbid, Veronika Gais, Bavaria Film International (Alemaña), G.R.E.C. (Francia), Caroline Thirion, Versus Production (Bélxica).