Contos de Marineda. A Coruña e o cine (I)
Do 1 de abril de 2008 ao 30 de abril de 2008
En colaboración co Concello da Coruña.
Durante os meses de marzo, abril, maio e outubro, novembro e decembro de 2008, cunha periodicidade dun día semanal (os martes) o CGAI, en colaboración co Concello da Coruña, organiza unha proxección de traballos cinematográficos vinculados á cidade da Coruña con motivo do seu 800 aniversario. O ciclo, enmarcado de forma ampla, achegaranos desde obras con imaxes recuperadas da cidade ou ambientadas nela, títulos localizados e rodados na urbe ata películas nas que interveñen profesionais orixinarios dela, atendendo ademais ás diferentes épocas. Dividido en dous bloques, a cidade e os cidadáns, o primeiro deles, nestes tres primeiros meses, comprende traballos que empregan exteriores, imaxes ou localizacións da Coruña. No outono o ciclo referirase aos traballos fílmicos executados por personalidades ligadas ao cine procedentes da cidade (directores, guionistas, produtores, actores), ao que comprende actores como María Casares e Fernando Rey (brillantes traballos para xentes como Buñuel, Welles, Bardem, Berlanga, Saura, Altman, Friedkin ou Regueiro), directores como Ramón Torrado e o especialista en cinema de terror Amando de Ossorio, guionistas como Juan Antonio Porto e escritores que foron adaptados e/ou colaboraron en condición de argumentistas e guionistas como Wenceslao Fernández Flórez e Carlos Martínez-Barbeito, así como produtores da significación de Víctor Ruppén. O legado cinematográfico integra tamén filmacións conservadas da etapa muda, traballos de corte documental dirixidos polos irmáns Docampo (recuperarase o seu traballo en Súper 8 El andamio, realizado por Rogelio Amigo a finais dos anos 50), Manuel Arís ou Ramón Sáiz de la Hoya, grupos cinematográficos como o Cine-Club Amateur, xurdido nos anos 60, e colectivos aparecidos no período da transición como “Enroba” e “Imaxe”. O ciclo prestará especial atención á figura da lendaria actriz María Casares (1922–1996), unha das máis emblemáticas artistas nadas na cidade, exiliada e formada artisticamente en Francia, intérprete de culto que desenvolveu a súa traxectoria no cine e no teatro francés a partir dos anos 40, adquirindo enorme prestixio grazas ás súas colaboracións con cineastas como Bresson, Carné ou Cocteau. Unha selección destes títulos poderase ver neste ciclo, que comeza coa excelente Camarote de lujo (1957).
Agradecementos: José Juan Cabanas Cao, Jesús Cano, Video Mercury, Daniel Jorro, Julia Sáiz, Francisco Rañal, Miguel Calderón, Sandra Sánchez, Jorge Coira.