Cinemascapes
Do 1 de xaneiro de 2016 ao 5 de febreiro de 2016
En colaboración co Grupo de investigacion pARQc, Proyecto Arquitectura y Ciudad da UDC (Universidade da Coruña).
É sabido que a irrupción da paisaxe como tema, como disciplina, asóciase á súa representación e, concretamente, á paisaxe pictórica que inicia o seu percorrido no Renacemento e ten episodios tan memorables en Patinir, Claudio de Lorena, Poissin e tantos outros, ata tal punto de que aquilo que lle é propio á pintura, o “pintoresco”, non é senón a paisaxe sobre o plano do lenzo.
Coa aparición do cine a finais do século XIX, o “Fílmico” interpélanos sobre aquela condición que lle é xenuína. Seguindo a Deleuze nos seus estudos sobre Cine, descubrimos o fílmico na imaxe-tempo, imaxe óptica pura, en contraposición á imaxe-acción tan propia do cine de Hollywood. “Esculpir o tempo”, tal e como Tarkovsky nos aprendeu. Recoñecer a verdade do cine en movemento da cámara que cuestiona a acción sobre o plano da pantalla.
O Fílmico, esa inflación do tempo, eses lugares arredados, remítennos á imaxe pura sobre a superficie da pantalla e por iso á Paisaxe. O Fílmico, a percepción na distracción tal e como recoñeceu Walter Benjamin, puidera ser ademais a aparición da paisaxe sobre o plano da pantalla. Unha cristalización da imaxe en paisaxes, texturas e fantasías.
“Cinemascapes” non como enésima utopía romántico-ecolóxica, senón como a capacidade do cine de nos situar fóra do espazo narrativo que necesariamente nos traslada á condición de campo do lenzo, da pantalla, e á dislocación do par significante-significado, que nos enfronta descarnadamente ao abismo do desasosego e das nosas soidades. (Cristóbal Crespo, Emilio Rodríguez Blanco)