CINEMA PORTUGUÉS. HIPÓTESES PARA UN FUTURO
Do 1 de maio de 2012 ao 30 de xuño de 2012
En colaboración con Zero em Comportamento (Portugal).
Unha selección de traballos portugueses recentes, escolma realizada por Rui Pereira, un dos directores do Festival IndieLisboa, membro da asociación Zero em Comportamento, organizadores do certame. Presentamos algúns dos novos e máis destacados talentos fílmicos portugueses en traballos realizados en diversos formatos e duracións, obras iconoclastas que van de vellos coñecidos como Edgar Pêra deica a figura emerxente de Gonçalo Tocha, premiado no BAFICI arxentino por É na terra não é na lua. Tocha e o propio Rui Pereira acompañarannos para nos disecaren este panorama contemporáneo.
“O IndieLisboa, sendo un dos festivais portugueses máis importantes, dedica especial atención ao cinema portugués. Por iso, ten unha grande preocupación por crear oportunidades para que os filmes portugueses teñan a máxima visibilidade fóra de Portugal. E é nese sentido que se encadra esta mostra, á que decidimos dar o nome esperanzador de “Cinema Portugués. Hipóteses para un Futuro”.
Acreditamos que algo do futuro do Cinema Portugués pasa por este conxunto de realizadores. Uns son máis vellos que outros e uns teñen xa máis obra que outros, mais en todos se nota un esforzo por faceren cine cunha linguaxe propia, individual, e libre de prexuízos. E iso é do que nós gustamos. Persoas, autores, que, capaces de traballar nas precarias condicións en que o Cinema Portugués (sobre)vive, non perden a oportunidade de deixar unha marca indeleble nos seus filmes. Un agradecemento moi especial a todos os produtores e realizadores que nos permitiron organizar esta mostra que esperamos contribúa a aproximarmos aínda máis os nosos dous pobos”.
Rui Pereira, comisario do ciclo.
Agradecementos: Rui Pereira, Gonçalo Tocha, Martin Pawley.