Cine independente americano
Do 26 de maio de 1992 ao 29 de xuño de 1992
Agora que o máis interesante do actual cine norteamericano provén, na súa meirande parte, de cineastas independentes como Lynch, os Coen ou Spike Lee, bo será que recuperemos aos "outros independentes", aqueles directores que, continuando na tradición da "Escola de Nova lorque" , de Cassavettes, de Shirley Clarke, de Warhol, de George Kuchar, de Stan Brakage, etc., etc., non aspiran a traballar para as "majors", nin a integrarse dun xeito normalizado nos canles industriáis, senón que antepoñen a súa independencia a outras consideracións.
Cine independente americano é un primeiro achegamento a estos cineastas; unha selección que recolle traballos de oito representativos autores: varios pertencentes á "new wave" de Nova lorque (Jarmusch, Driver, Mitchell), unha cineasta feminista (McLaughlin), un dos iniciais cultivadores do chamado cine afroamericano (Burnett), o último dos "beatnicks" (Kramer), etc. Rodadas no transcurso da década dos oitenta, moitas en 16 mm. e en branco e negro, nelas é patente a influencia da "nouvelle vague", da "Escola de Nova lorque" antes citada e, sobre todo, a de Nicholas Ray, quen, nos anos setenta, exerceu o seu maxisterio no Harpur College de Binghampton, ao norte de Nova lorque, cos alumnos cos cal rodou WE CANT GO HOME AGAIN.
De Jim Jarmusch presentamos a primeira das súas longametraxes e a única non estreada comercialmente en España, PERMANENT VACATION. Presidida polo pantasma de Ray, quen participou na súa concepción inicial, a película reúne a moitos dos integrantes da "new wave" novaiorquina: Tom DiCillo como segundo operador, Sara Driver como productora, John Lurie como intérprete e músico... Por outro lado, en PERMANENT VACATION, Jarmusch desenrola plenamente as características temáticas e estilísticas que definirán o seu estilo.
Eric Mitchell interpreta un breve papel na película de Jarmusch, pero en ese mismo ano de 1980 dirixiu a súa primeira película, UNDERGROUND USA, unha homenaxe á Factory de Warhol que fai con unha das súas actrices o que Billy Wilder fixera con Gloria Swanson en SUNSET BOULEVARD. Do mesmo xeito, a productora de PERMANENT VACATION, Sara Driver, é a directora dunha mediometraxe baseada nun relato de Paul Bowles, YOU ARE NOT I, que conta tamén con fotografía de Jarmusch.
Dez anos despois, en 1990, Mitchell interpretaría e DiCillo fotografiaría no estilo máis característico da "new wave" a primeira película dun inglés recén chegado a Nova lorque, Keith McNally. END OF THE NIGHT é o relato dun home que busca na noite o refuxio á súa soledade e a constatación da pervivencia e atualidade dun estilo e dun feito moi determinado de entende-lo cine.
Sheila McLaughlin está representada con dúas películas, COMMITTED e SHE MUST BE SEEING THINGS, que nos aproximan a dous dos temas máis emblemáticos do cine feminista: a explotación da muller, exemplificada no caso de Frances Farmer, e as relacións lésbicas. Polo seu lado, Andrew Horn inclínase polo barroquismo máis exacerbado en DOOMED LOVE.
Charles Burnett é o único cineasta negro desta selección. Os seus primeiros traballos antecederon en varios anos a Spike Lee e, en particular un deles, KILLER OF THE SHEEP, acadou certa fama a fináis dos anos setenta. TO SLEEP WITH ANGER constitúe o seu último traballo e o primeiro en acadar unha distribución internacional, sobre todo a partir do seu éxito no Festival de Cannes.
Robert Kramer foi un dos promotores do grupo "Newsreel", adicado nos anos setenta á producción de cine militante. Entre os seus longametraxes documentáis máis destacados figura MILESTONES, rodado en 1976. Apartir desa data, Kramertrasladouse a París. Da súa estancia europea xurde DOC'S KINGDOM, filmada en Portugal e que constitúe unha reflexión sobre a súa propia condición de cineasta no exilio. O seu retorno ós Estados Unidos quedou reflexado no documental de catro horas de duración ROUTE ONE, U.S.A.