Cahiers du cinéma presenta: (Des)encadernados
Do 1 de maio de 2007 ao 31 de maio de 2007
En colaboración con IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca Española, Filmoteca de Catalunya e “Cahiers du Cinéma. España”.
A aparición da edición española (o primeiro número publícase no mes de maio) da mítica revista “Cahiers du Cinéma” permite ver un ciclo con algúns dos títulos máis rupturistas e insubmisos do cinema contemporáneo partindo dunha lista de películas seleccionadas polo consello de redacción da revista. Entre os títulos escollidos non se inclúen “Juventude em marcha” de Pedro Costa, proxectada recentemente no CGAI, e “Last Days” de Gus Van Sant e “Still life” de Jia Zhang-ke, pola súa inminente estrea nas pantallas comerciais do noso país.
“A corrección política e o exceso de boas maneiras desterraron da linguaxe cotiá algúns termos sen os cales o cine –pero tamén a literatura, ou a pintura— non poderían sobrevivir: entre eles o radicalismo, o extremismo. Por que non ser radicais? Por que non poñer ao espectador contra as cordas do sentido, dos seus límites? Por que non aniquilar todas as súas certezas para salvagardar a excitación da busca constante? Xa non é tempo de facer arte, senón de convertelo en acción política a través do máis íntimo: a nosa percepción do mundo inflúe indefectiblemente no que pensamos del, e por iso máis vale o baleiro que unha imaxe acomodaticia, porque sempre é mellor arriscarse a coñecer o malo que quedar cun falso saber imposto.
Entón, por que non o desasosego? Todos os cineastas cuxas películas integran os ciclos de presentación de Cahiers du Cinéma-España insisten en incomodar a súa audiencia. Algúns desde a exasperación do silencio, desas figuras marmóreas que se plantan fronte á cámara e se negan a caer no simulacro da gran charlatanaría posmoderna. Outros desde os labirintos do relato que interrogan directamente o futuro da narración, que se disolven pouco a pouco ata rematar no grao cero do significado. Hai máis, pero non paga a pena seguir: importa o trazo colectivo, a miúdo atomizado en diferentes escrituras parciais, pero sempre unido pola vontade de axexar ao redor das aparencias. As formas do cine radical xa non pensan, máis ben sospeitan: dos modelos institucionalizados, do saber lexitimado, das imaxes histerizadas polo poder.
Pero iso non redunda na soidade deses cineastas, nin da nosa aposta no seu favor. Nada xorde da nada, e aínda menos eses camiños que nos cegan coa súa promesa de futuro. Ocorre, non obstante, que os antepasados nos quedaban máis cerca, pois houbo un tempo no que a institución cultural os aceptou e adoptou. Agora ninguén se atreve a estrear a Pedro Costa, mentres que hai trinta anos non había ningún problema en visibilizar a Bergman, Antonioni, Resnais, Hellman, Oshima… Dubidamos de que Nobuhiro Suwa sexa máis “difícil” que Pasolini ou Fassbinder: o que cambiou é o baremo polo que se miden, agora o dunha lóxica económica implacable, un mercado cultural –curiosa contradición de termos— que só está disposto a rendibilizar unha certa estética da obediencia, marxinando calquera indicio de rebelión.
Non obstante, tamén hai que sospeitar das imposturas da novidade: verbi gratia, a dubidosa canonización de grande parte do cine oriental só polo feito de selo. Radical vén de raíz, e é a esas raíces ás que nos debemos remontar. Jia Zhang-ke non é importante pola súa condición de chinés, senón porque o seu cine comeza alí onde o deixou o de John Ford, Yasujiro Ozu e algúns compatriotas seus dos que non sabemos nada, de maneira que o coñecemento destes novos autores pode ser un modo como outro de reescribir a historia do cine. O último Costa provén dos Straub, mentres que Suwa se inspira en Resnais e Rossellini, e Garrel revive a Eustache a través de Renoir.
As xeracións entrecrúzanse, pero os herdeiros xa non dispoñen de prazas públicas nas que lidar, si exceptuamos festivais e pases clandestinos. Non estamos, pois, desviando a atención cara á rareza como resposta á atonía das nosas carteleiras, senón reivindicando os descendentes naturais dos que as ocupaban non hai tanto. O cal, por suposto, tampoco impide o recoñecemento da súa media laranxa: se non foran estreadas, as últimas películas de Clint Eastwood, Richard Linklater ou David Lynch tamén ocuparían un lugar na nosa lista, pois teñen moito máis que ver con Hou Hsiao-hsien, Gus Van Sant ou Alexander Sokurov que co resto das novidades en cartel. E que é iso que comparten? Parafraseando a Serge Daney, as súas imaxes aprenderon a mirar as nosas vidas.
Carlos Losilla, “Eloxio do radicalismo. Instrucións para seguir un ciclo”.
Agradecementos: Carlos Losilla, Alain Rougelot, Alianza Francesa da Coruña, Esther Devos, Lucie Kalmar, Wild Bunch, Gareth Tennant, The Works International (Reino Unido), Emmélie Grée, Ad Vitam (Francia), Grégory Pétrel, Pierre Grise distribution (Francia), Víctor Erice, Ruedo Producciones, Nautilus Films, Lisandro Alonso, 4L (Argentina), Camille Rousselet, Wide Management (Francia).