Ars Sonora
Do 27 de setembro de 2022 ao 25 de outubro de 2022
En Tres (Juanjo Giménez), unha deseñadora de son comeza a sentir unha progresiva desincronía, primeiro no seu traballo, logo dunha forma máis acusada na súa vida cotián, ata o punto que acaba percibindo os sons con varios minutos de retardo. En Memoria (Apichatpong Weerasethakul), unha botánica escocesa que vive en Colombia escoita un violento son que primeiro a esperta e despois escoita cada vez con máis frecuencia, sen que saiba moi ben como identificalo nin adiviñe a súa orixe. Estas dúas películas de 2021 levan a propoñer un pequeno ciclo en torno ao son, facéndoas dialogar con dous clásicos do cine norteamericano: La conversación (Francis Ford Coppola) e Impacto (Brian de Palma), dúas películas que nos devolven ao clima conspiranoide que reinaba no cine (e a política) desa época, os anos sesenta e primeiros setenta. Completa o ciclo outro título moi recente, Geographies of Solitude, na que a cineasta Jacquelyn Mills viaxa ata a pequena illa de Sable (Canadá) para visitar á súa única habitante, a naturalista Zoe Lucas. Faino pertrechada de distintas cámaras de video e cinematográficas, pero tamén de micrófonos de contacto que lle permiten, por exemplo, rexistrar os sons dos insectos camiñando pola area para conformar a banda sonora da película.
Agradecementos. Juanjo Giménez, Luisa Romeo.