Apichatpong Weerasethakul e o cine Thai (I)
Do 1 de marzo de 2006 ao 30 de abril de 2006
En colaboración con: IVAC-La Filmoteca, Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria.
“Nado en Bangkok en 1970, Apichatpong Weerasethakul estuda arquitectura [...] e con posterioridade realiza un Máster de Cine no Art Institute de Chicago. Autor de numerosas curtas e videoinstalacións desde 1994, Apichatpong eríxese nun dos escasos expoñentes do cine independente en Tailandia e, de feito, a súa primeira longametraxe é producida por el mesmo (a través da súa compañía de produción, “Kick the Machine”) co apoio do Fondo Hubert Bals do festival de Rotterdam. Esta sorprendente ópera prima, rebautizada como “Mysterious Object at Noon” para a súa presentación internacional –“Dogfar en mans do demo” sería a súa tradución literal-, constrúese como un documental híbrido e pouco convencional sobre as diferentes modulacións que unha mesma historia popular vai adquirindo da man de distintas persoas en diferentes zonas do país. “Blissfully yours”, a súa primeira longametraxe de ficción, é unha minimalista partie de campagne na que unha parella nova integrada por unha moza tailandesa e un inmigrante ilegal birmano buscan no silencio do bosque un fugaz intre de felicidade. Pero o interesante do filme non estriba, non obstante, tanto na historia que conta como no modo en que o fai, toda vez que Apichatpong deconstrúe sistematicamente no mesmo todas e cada unha das convencións da narración cinematográfica ao uso para crear unha atmosfera enigmática e suxestiva que obriga ao espectador a ir continuamente máis alá do que as propias imaxes amosan. Premiado na sección “Un certain regard” do festival de Cannes, “Blissfully yours” atopará o seu lóxico e poderoso eco en “Tropical Malady”, logo do inocente interludio que supón a colaboración co seu amigo Michael Shaowanasai en “The adventures of Iron Pussy”, simple “divertimento” centrado nas andanzas dun axente secreto travestido co que os realizadores queren rescatar unha certa estética do cine “thai” dos sesenta e setenta. Pero “Tropical Malady”, primeira película tailandesa seleccionada para competir na Sección Oficial de Cannes e Premio Especial do Xurado, confirma con creces todas as expectativas suscitadas pola obra anterior de Apichatpong: auténtico desafío frontal á lóxica narrativa do cine dominante, á vez que complexa reelaboración de diferentes temas enraizados na cultura tradicional e popular tailandesa, esta magnética proposta convértese non só na obra máis madura do cineasta, senón nun dos títulos imprescindibles para a cinefilia de comezos do século XXI”.
Alberto Elena
Pouco coñecida a escala internacional, a cinematografía tailandesa non é, non obstante, insignificante nin de nova creación. Coincidindo curiosamente coa grave crise económica desencadeada no país en 1997, asistimos a unha eclosión e auténtico renacemento do cine tailandés e a unha verdadeira presenza do mesmo no circuíto internacional de festivais e nas pantallas comerciais de todo o mundo, emerxendo así como a última gran revelación chegada de Oriente. A liña de produción de cinema de autor coexiste coa presenza dun cinema industrial de xénero con atractivo comercial (“Beautiful boxer”, “The eye”). Ademais de Apichatpong Weerasethakul a selección de títulos presentada comprende ao outro grande autor contemporáneo tailandés, Pen-ek Ratanaruang, do que xa se puido ver no CGAI o thriller “6ixtynin9”.
O ciclo virá acompañado do libro “Luces de Siam: una introducción al cine tailandés”, coordinado por Alberto Elena e editado por T&B Editores e o Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria, primeiro estudo monográfico publicado en lingua occidental. Unha obra, adecuado complemento á retrospectiva, auténtica introdución á historia e á realidade do cine tailandés. Ademais, durante o mes de maio proxectarase a película de Apichatpong Weerasethakul “Tropical Malady”.
Agradecementos: Apichatpong Weerasethakul / Kick the Machine, Alberto Elena, Five Star Productions (Tailandia), Fortissimo Films (Holanda), Notro Films (España), Tifa Company Limited (Tailandia), Jeonju Film Festival (Corea).