
Albertina Carri: territorios mutantes e cartografías queer
Do 11 de abril de 2025 ao 30 de abril de 2025
Albertina Carri é unha das autoras máis irreverentes e a contracorrente do panorama arxentino actual. A súa diversa obra, que alterna ficción e documental, usou técnicas como o found footage ou a animación; realizou ficcións máis ou menos convencionais, pero tamén provocadoras cintas eróticas. Coa máxima de que o persoal é político, algo que parece manterse firme na súa filmografía é o feito de que explorando a súa propia experiencia, acaba sendo capaz de compoñer retratos colectivos da Arxentina que lle tocou vivir.
A súa primeira gran obra, Los rubios (2003), partía do trauma de perder a seus pais, desaparecidos pola ditadura militar, para realizar un complexo retrato xeracional. Non podendo representar o invisible, recorría a figuras de playmobil para algunhas pasaxes. Á memoria histórica volvería en Cuatreros (2016), feito principalmente en montaxe, partindo de material de arquivo sobre a resistencia dos gauchos para acabar desembocando na súa herdanza persoal, coma se realizase unha viaxe á inversa da imaxe ao recordo, e non do recordo á imaxe –eixo vertebrador de Los rubios–.
Abertamente homosexual, Carri caracterizouse sempre por representar sexualidades fóra da norma heteropatriarcal. En Géminis (2005), unha das películas deste ciclo, fala sen ambaxes de sexo entre irmáns. Pero é coas súas dúas últimas longametraxes, Las hijas del fuego (2018) e ¡Caigan las rosas blancas! (2025), coas que se atreveu verdadeiramente a atacar os piares da representación tradicional do desexo feminino no audiovisual, mostrando con orgullosa actitude militante corpos fóra do normativizado que gozan ludicamente e sen complexos da súa sexualidade.
A estrea da súa fita máis recente, presentada hai moi pouco no festival de Rotterdam, dános a oportunidade de coñecer a súa obra en diálogo coa autora, que visitará a filmoteca.

Los rubios

Encontro con Albertina Carri

¡Caigan las rosas blancas!

Géminis

Las hijas del fuego
