Programa Ken Jacobs sesión 1
Ken Jacobs, 1955/2014
93'. 16mm/ vídeo. Subt.galego. Presentación por Ken Jacobs.
ORCHARD STREET
(Estados Unidos, 1955-2014)
Dirección e produción: Ken Jacobs. Duración: 27 minutos.
Primeiro filme de Ken Jacobs, feito en 1955 e que desde 2014 (grazas á axuda da súa filla Nisi) pódese ver na súa integridade, pois foi cernado da forma que Jacobs explica: “A miña primeira película, revisitaba o xudaísmo da contorna no que me criei, que impregnaba a rúa nese entón. A súa duración orixinal achegábase á media hora, pero dixéronme que non tería ningunha posibilidade de proxectar un documental que durase máis de 12 minutos. Arruinado e famento, como se supón que han de estar sempre os artistas novos, recorteina. Non había graxa, de modo que os cortes practicáronse no óso e o músculo. Logo, unha vez feito ese traballo, autodesprecieime e non fixen nada con ela”.
THE WIRLED
(Estados Unidos, 1956-1964)
Dirección e produción: Ken Jacobs e Jack Smith. Duración: 19 minutos.
The Whirled é a compilación de catro películas de Ken Jacobs feitas con Jack Smith, a saber: Saturday Afternoon Blood Sacrifice (1956), Little Cobra Dance (1956), Hunch Your Back (1963, filme que inclúe imaxes de Jacobs e Carolee Schneemann na súa aparición nun concurso televisivo), e Death of P’Town (1961).
LITTLE STABS AT HAPPINESS
(Estados Unidos, 1959-1963)
Dirección e produción: Ken Jacobs. Duración: 15 minutos.
Dous das descricións de Jacobs da película, en diferentes momentos, para o catálogo da Filmmakers Coop. A primeira, influída pola creación da súa obra magna Star Spangled to Death: “Fragmentos sen editar excepto pola adición de títulos. Cor espléndida, improvisacións inconexas, o bo e o malo. Menú estival estritamente lixeiro. Un auténtico respiro”. A segunda, coa perspectiva do tempo: “Protagonizada por Jack Smith. O material usouse tal e como saíu da cámara, cos momentos embarazosos intactos. Rolos de 100 pés ben sincronizados con música de vellos discos de 78 rpm. Interesábame a inmediatez, a lixeireza, e unha arte onde o sufrimento se recoñecese pero non se trivializara actuando. A extravagancia foi o noso logro, así como escaparnos do establecido”.
BLONDE COBRA
(Estados Unidos, 1959-1963)
Dirección e produción: Ken Jacobs. Duración: 30 minutos.
“En 1960, Bob Fleischner deulle a Ken o material co cal se fixo Blonde Cobra. O ano anterior, Bob estivera facendo unha película con Jack Smith. A súa cociña incendiouse, e gran parte do que rodaran ardeu, xunto coa metraxe doutra película. As dúas películas terían que ser Blonde Venus e The Cobra Woman. Fleischner deulle o material que sobreviviu desas dúas películas a Ken, e con esas bobinas Ken armou a súa propia película, Blonde Cobra, e elaborou unha banda sonora, fundamental para o filme. É unha banda sonora extraordinaria, composta cos monólogos enxeñosos e sonoramente histéricos de Jack Smith. Ken montou Blonde Cobra pensando que ninguén chegaría a vela xamais. O material, que doutro xeito Fleischner tiraría, tiña un significado intensamente persoal para Ken: representaba unha vida que se pavoneaba desesperadamente, insistindo na súa propia plenitude sen importar cuán estrambóticas fosen as circunstancias”. (Extracto de Film At Wit’s End, de Stan Brakhage).