Programa Germaine Dulac
Germaine Dulac, (1927-1929)
80'. DCP. Subt. Castelán. Entrada de balde
Thèmes et Variations. Francia, 1928, versión restaurada en 35 mm, 11 min.
Disque 957. Francia, 1928, 16mm, 6 min.
Étude Cinématographique sur une Arabesque. Francia, 1929, versión restaurada en 35 mm, 8 min.
L’Invitation au voyage. Francia, 1927, 16mm, 33 min.
“O futuro pertence ás películas que non poden contarse”, escribía Germaine Dulac (Amiens, 1882 - París, 1942) en 1928. Un futuro, o que imaxinaron aqueles primeiros impresionistas do cinematógrafo, en que o cine se desposuiría das ataduras da palabra (a literatura, o teatro) para abrazar o seu ser esencial: aquel en que máquina e artista se alían para destilar os poderes únicos e sobrenaturais das luces e as sombras proxectadas. Unha frase que segue sendo unha promesa, como as películas de Dulac seguen sendo vangarda, obras en que a luz pinta delicadamente no celuloide impresións de natureza, música que se pode ver, a beleza do movemento: un mundo novo feito de imaxes. Mais Dulac tamén prefigurou un mundo novo, ademais de co seu cine, coa súa forma de vivir e de pensar: pioneira, feminista e intrépida, cineasta, xornalista e crítica, muller singular que soñou, e fixo realidade, un cine puro.