Programa 4: New York / Nova York
Jem Cohen
79´. Vídeo. Subtítulos en galego.
CONEY ISLAND END OF GOD THE WAY IT MUST BE
(Estados Unidos, 1996)
Dirección, produción e fotografía: Jem Cohen. Duración: 3 minutos.
Editada en cámara sen alteracións posteriores, esta peza –un único rolo de Súper 8- filmouse en xullo de 1996. Podería ser (ou non) unha versión condensada da Divina Comedia de Dante. Gran parte do parque de atraccións que se ve tivo que pecharse a causa dun proxecto de reurbanización da zona.
LOST BOOK FOUND
(Estados Unidos, 1996)
Dirección: Jem Cohen. Produción: Brodsky and Treadway e New York Foundation for the Arts. Duración: 37 minutos.
Combinación de técnicas narrativas nunha complexa reflexión sobre a vida na cidade froito de seis anos de filmación nas rúas de Nova York. Un misteriso caderno cheo de obsesivas listaxes de lugares, obxectos e incidentes. As listaxes funcionan como unha clave para descubrir unha cidade oculta de xeografías ignoradas e capas superpostas de obxectos (as reliquias do capitalismo urbano e o detrito de infinidade de historias esquecidas). O punto de partida nace do primeiro traballo de Cohen en Nova York: vendedor ambulante.
BLACK HOLE RADIO
(Estados Unidos-Italia, 1992)
Dirección e produción: Jem Cohen. Duración: 7 minutos.
Construída por medio de conversas gravadas en «Confession Line», un número de teléfono que existiu en Nova York durante un tempo, ao que se podía chamar para facer calquera tipo de confesión. A participación telefónica, que consistía en facer unha confesión nun contestador automático, era libre e gratuíta; a escoita das confesións supoñía un pago por minuto.
NYC WEIGHTS AND MEASURES
(Estados Unidos, 2006)
Dirección e fotografía: Jem Cohen. Produción: Gravity Hill Films. Duración: 6 minutos.
Rodada cunha cámara Bolex 16 mm a corda, comeza con escenas dun desfile triunfal para celebrar o regreso dun astronauta para moverse logo polas rúas de Nova York. Un camiño sen rumbo fixo que, debido ás restricións de filmación nas rúas posteriores ao 11-S, lle dá connotacións políticas a un traballo poético.
ONE BRIGHT DAY
(Estados Unidos, 2009)
Dirección, produción e fotografía: Jem Cohen. Duración: 17 minutos.
“Mentres estaba rodando para outro proxecto, atopei a dous homes que durmían nunha rúa de Manhatan. Un tempo despois, estaba filmando fronte á Penn Station cun trípode e un deses homes apareceu de súpeto, púxose ante a cámara e comezou a falar do seu paso polo exército estadounidense, as súas misións en Panamá, Afganistán e Iraq, a súa vida. Decidín entón limitar a peza ao que filmara alí nesas poucas horas, cun só engadido importante: o texto dunha rima infantil tradicional” (Jem Cohen).
LONG FOR THE CITY (PATTI SMITH IN NEW YORK)
(Estados Unidos, 2008)
Dirección: Jem Cohen. Guión: Patti Smith. Produción: Gravity Hill Films. Intérpretes: Patti Smith. Duración: 9 minutos.
Breve retrato de Patti Smith na cidade na que vive. En verbas de Cohen: «Patti recita o primeiro poema que escribiu e logo un posterior, «Prayer», de principios dos 70. Logo damos un paseo polo barrio onde vive, que se atopa en pleno proceso de cambio, e pregúntolle polo que ve. A filmación combina imaxes tomadas no momento con material de arquivo recompilado durante moitos anos. Pódese considerar un acompañamento non musical á curta Spirit, na que traballamos xuntos en 2007».