Presentación do libro "Joe Dante. En el límite de la realidad"
Alvaro Pita (Applaehead Team Creaciones, 2016)
Entrada de balde
Presentación do libro Joe Dante. En el límite de la realidad, ao coidado do seu autor Álvaro Pita. Pita é, para alén de crítico de cine e escritor, cineasta e músico. Responsable de media ducia de curtametraxes, acaba de terminar a súa primeira longametraxe, Escombros. Nesta produción independente converxen feísmo urbanístico, videoclips, corrupción política e un malvado inspirado tanto en Amancio Ortega coma nos actioners dos anos oitenta.
Joe Dante. En el límite de la realidad trátase da primeira monografía en castelán dedicada ao pai de El chip prodigioso. Cunha longa traxectoria en Hollywood, onde logrou manter intacto o seu toque autoral, Joe Dante fai un cine irónico e reflexivo á par que entretido, que subverte as convencións sociais e xoga coa ollada cómplice do espectador para activar o seu humor.
Pita traballou durante anos co cineasta para sacar adiante esta publicación, en que figuran fotografías ata o de agora exclusivas cedidas polo autor. Nela analiza polo miúdo co cineasta toda a súa carreira, falan das súas aventuras con Roger Corman, do inesperado éxito de Gremlins, da súa relación con Steven Spielberg ou de mil historias que nunca saíron da súa cabeza, de tantos proxectos inmaterializados que, se cadra, un día verán a luz.
Por todo isto, Joe Dante. En el límite de la realidad é presentado como o mellor libro dispoñible na actualidade para profundar na obra deste mordaz autor de culto.