
Premios Social Cine
VV. AA.
40’. Vídeo. Presentación curtas gañadoras coa presenza dos directores. Entrada gratuíta.
EX-TRAN-GE
(España, 2011)
Dirección, guión e fotografía: Rogelio Fernández. Intérpretes: José Luis Ducid, Roberto Sánchez «Luna». Duración: 10 minutos.
Peza gañadora do 1º Premio no certame Social Cine 2011. Un inmigrante, refuxiado de guerra que vive na rúa, entra nunha copistería. Nun mal castelán intenta explicar ao dependente, inmigrante arxentino, que necesita un cartel para pedir cartos na rúa. Comedia negra en medio da guerra mundial diaria que a moitos lles toca vivir, un agudo enlace entre a narración e a análise da historia recente.
LOSADA
(España, 2011)
Dirección e produción: Ximena Losada e Marcos Nine. Guión: Marcos Nine. Fotografía: Marcos Nine. Duración: 10 minutos.
2º Premio Social Cine 2011. Unha foto de familia onde o paso do tempo é un dos seus integrantes mellor retratados. Descrición dun proceso vital avalado por unha plasmación sinxela, respetuosa, sutil.
BRASILINO
(España, 2011)
Dirección, guión, produción e fotografía: Xurxo Chirro. Duración: 9 minutos.
Bosquexo fílmico sobre a memoria, o documento e a Historia. A casa onde naceu Brasilino Álvarez, o último alcalde republicano da Guarda. A súa afillada, Benedicta, lembra os terribles sucesos que lle aconteceron no 36. A casa foi derrubada en 2010. Vida e morte de Brasilino. Unha orixinal exploración na memoria histórica galega ligada ás mellores mostras de documental de autor contemporáneo. Obra do autor da maxistral Vikingland, longametraxe presentada no prestigioso certame de Marsella deste ano, unha peza onde a primacía do texto, o xogo coa simboloxía dos espazos e os lazos entre pasado e presente configuran unha reflexión con plena vixencia.
PRINCE CHARMING
(España, 2011)
Dirección e produción: Ticiana Ghiglione Darriba. Guión: Micaela Fernández Darriba, sobre un proxecto de Luz Darriba. Duración: 5 minutos.
Cristina, unha muller que aspira a atopar o amor e ser feliz. Un mundo de abuso onde o matrimonio como aspiración se concreta nun relato crítico realzado polo uso persoal das técnicas de animación. Accésit Social Cine 2011.