Pelerinaxes
Simone Saibene, 2016
74'. DCP. Presentación Simone Saibene. Entrada de balde
Pelerinaxes
(España, 2016)
Dirección e guión: Simone Saibene. Fotografía: Jairo Iglesias. Intérpretes: Carmen Méndez, Isabel Risco, Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo. Dur: 74'.
Pelerinaxes é un filme inspirado no libro Pelerinaxes I de Ramón Otero Pedrayo. A película fai o mesmo camiño que fixeron, en 1927, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade das Burgas e percorre diversas localidades das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña (Vilamarín, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Rábade, Vilalba, As Pontes de García Rodríguez e Ortigueira, entre outros). Foi un 5 de xullo, hai 90 años, cando Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey emprenderon esa viaxe desde Ourense cara a Santo André de Teixido.
Protagoniza a longametraxe a actriz lucense Carmen Méndez, que encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André, para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto a un compañeiro, falecido anos atrás nun accidente. Pelerinaxes, que se sitúa entre a ficción e o documental, alterna o traxecto realizado pola protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego coma Laura Tato, Valentín Carrera, Patricia Arias Chachero, Susana Reboreda, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Pablo Gallego, Luis Martínez Risco ou Alberto Allegue. Ademais da actriz Carmen Méndez, conforman tamén o reparto desta película Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco.
A finalidade da película é dar a coñecer ese camiño tan importante realizado polos pais da cultura galega, e facelo dunha forma máis actual e entretida. Pelerinaxes fai unha homenaxe a esa viaxe na busca da identidade galega, sobre o mesmo camiño de Ourense a Santo André de Teixido a día de hoxe e a través dos ollos dunha moza que investiga sobre o seu pasado. Os camiños pouco andados coma este, hai que ensinalos. O relato de Otero é algo máis que un diario de viaxe: é todo un universo cultural o que pousa e aniña entre as notas de Pelerinaxes. O documental visibiliza unha Galicia pouco coñecida e, ao mesmo tempo, pona en valor dende un punto de vista cultural e turístico.