Padre nuestro
Francisco Regueiro, 1985
105'. 35mm
Padre nuestro
(España, 1985)
Dirección: Francisco Regueiro. Guión: Francisco Regueiro, Ángel Fernández Santos. Fotografía: Juan Amorós. Intérpretes: Fernando Rey, Francisco Rabal, Victoria Abril. Dur: 105'.
“Padre nuestro podería entenderse como unha variación sobre Ciudadano Kane en que Charles Foster Kane non quere morrer en Xanadú, optando no seu lugar por volver aos escenarios da súa infancia, os que evoca a bóla de neve que o acompaña na súa morte. Na película de Francisco Regueiro, Kane é o “Cardenal” que interpreta Fernando Rey e non Orson Welles, igualmente unha figura crepuscular marcada polos designios da súa nai, quen, dalgún modo, o enviou ao Vaticano para afastalo dun destino moito menos ilustre e divino que para o que estaba predestinado. Ese destino era seguramente moi parecido ao do don León de Diario de invierno, o reverso ou o lado escuro de Padre nuestro. Que Fernando Rey interprete a don León e ao “Cardenal” une estas dúas películas tanto ou máis que os nomes do seu director (Regueiro) e coguionista (Ángel Fernández-Santos).
Ese ton crepuscular de Padre nuestro deriva da propia figura do seu protagonista, o “Cardenal”. A súa volta ás orixes, motivada pola súa anunciada e inminente morte, era tamén un regreso que o afastaba da pompa do Vaticano, o seu Xanadú particular e no fondo indesexado: ao “Cardenal” chámano os viñedos, o bacallau ao ajoarriero e os sabores da súa terra. Chámao a morriña, non para axustar contas co pasado, senón máis ben para deixar o futuro atado e ben atado despois da súa morte, unindo en matrimonio a seu irmán coa súa filla, a “Cardenala”, unha prostituta, de tal forma que a herdanza familiar non se espalle. O regreso é unha forma de expiar os pecados da súa mocidade e de poñer paz na familia. Hai unha placidez no rostro do “Cardenal” que só se entende pola satisfacción do deber cumprido, pola conciencia de que controla o seu destino. A morte chégalle coa bóla de neve na man, xusto cando comeza a nevar no convento castelán que elixiu para a súa despedida. A bóla e a propia neve son unha referencia explícita a Kane, por máis que neste “Cardenal” haxa moi pouco de Kane; en todo caso trataríase dun Kane que soubo atopar o seu Rosebud”.
Pena, Jaime, “Rey's Kane”, en Fernando Rey: cabaleiro do cinema (1917-2017), Castro de Paz, José Luis e Ventureira, Rubén (ed.), Concello da Coruña, 2017.