Cinemóvil Reclame nº2
- 13 min.
Cara a finais do século XX alguén depositou unha lata no estudio vigués do arquitecto José Antonio Martín Curty, quen anos máis tarde a doou ao CGAI, procedendo a súa restauración. As empresas participantes son: Viajes Marsans, con imaxes dunha visita de turistas norteamericanos que desembarcou en Vigo do transatlántico Trance o 13 de xaneiro de 1928; a Compañía Hamburguesa con planos de movemento de pasaxeiros do Cap Polonio en Vigo ao longo de varias viaxes a América durante 1928. Chegada a Vigo do Cap Arcona —de tráxico destino— e que fixera a viaxe inaugural a Vigo o 22 de novembro de 1927; o luxoso, café e bar do Gran Hotel Moderno co persoal que traballa alí; o Hotel Universal, con turistas ingleses que van de xira ata Baiona; a sucursal do Banco Pastor. O Garaxe Americano co seu propietario e antigo rival da Ford, Eduardo Vázquez Rodríguez, inspeccionando coches e camións Dodge que chegan empaquetados de América e onde tamén figura un divertido plano das vacas carretando os camións. E para rematar, imaxes do Balneario de Mondariz, en moi mal estado. Supoñemos que a bobina está incompleta. (Manolo González, en Nos días encantados de agosto: unha biografía de José Gil, Editorial Galaxia, 2022)
Dixitalización 4K a 18fps realizada a partir dos materiais en 35mm conservados na Filmoteca de Galicia e financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.




Nos días encantados de agosto: unha biografía de José Gil
Manolo González
Entre os empresarios que apostaran polo potencial do cinema na Exposición Universal de Sevilla figura o emprendedor Casimiro Gómez, quen de novo contratará unha ampla reportaxe sobre a Granxa de Monte Porreiro (Pontevedra). A cinta rexistraba unha exhaustiva e didáctica visita ás instalacións dunha das gandarías modelo máis inovadoras da España daquela. Unha montaxe reducida deste título formará parte do Noticiario de Galicia 1 (...). Outros pequenos filmes do mesmo tipo serán as reportaxes sobre Palacio del automóvil (1926) do señor Cabanelas, a actividade da navieira viguesa Lloyd Norte Alemán, de Luis G. Reboredo Isla, o proceso de fabricación do pan na modernísima Panificadora Viguesa (1926), Talleres Alonarti-Sociedad La Artística (1927), a Fábrica de jabones de La Toja (1929), a acabada de inaugurar Banca Viñas Aranda (1929), o estaleiro Hijos de Barreras (1930), a fábrica de Bombillas Yria de Padrón (1930), Comercios da rúa Príncipe (1932), Fabricas y astilleros de Bouzas (1932), Hotel Universal (32), Comisión Organizadora da Semana Portuguesa (1933), Conservas Albo (1934), Fábrica de galletas La Peninsular (1933), Cerveza A Barxa (1933), Fábrica de cerámica Mas (1933), Bodegas regionales (1932) ou Chocolates Viso (1935). (...)
Ás veces, trátase de filmes industriais moi breves para se integrar no Cinemóvil Reclame nº2° do industrial Fernando Bárcena de Andrés, quen tiña intención de levar o camión publicitario á Exposición Internacional de Sevilla de 1929. Malia que anunciara a fabricación dun novo modelo do Cinemóvil, cando se incendiou o primeiro prototipo en 1926, a construción do camión demorouse. Durante 1928 e 1929 Galicia Cinegráfica filmara pequenas reportaxes para exhibir no novo prototipo: "Saldrá para Sevilla el Cinemóvil Reclame número 2, espléndido camión anunciador que por medio de sus carteles transparentes luminosos y proyecciones cinematográficas y fijas sobre su telón, ilustrará a los millares de visitantes, nacionales y extranjeros, sobre las bellezas e industrias. Cine: la mejor propaganda”.
Do mesmo xeito que no prototipo anterior, cada empresa anunciante participa —máis ou menos— con 40 metros —un minuto— de película. É dicir, arredor de 120 pesetas por industria. A secuencia limítase a un par de planos xerais e unha panorámica horizontal ou vertical, na que incorpora ao propietario da empresa nalgún momento da filmación. O Cinemóvil-Reclame N° 2 presentouse en sociedade en outubro de 1929 en Vigo —supoñemos que despois dunha breve estadía en Sevilla— e temos constancia documental de que o camión visitou Redondela, Arcade, Pontevedra, Cangas, Bueu, Marín, Sanxenxo, Cambados, Vilanova de Arousa, Ponte Cesures e Padrón con proxeccións e anuncios luminosos. Na Filmoteca de Galicia consérvase un fragmento de 14' 20" correspondente á bobina deste filme publicitario co rótulo Cine Reclame anuncia y viaja sus productos. Cara a finais do século XX alguén depositou unha lata no estudio vigués do arquitecto José Antonio Martín Curty, quen a cedeu, anos mais tarde, ao CGAI, procedendo a súa restauración.
As empresas participantes que aparecen no fragmento son: Viajes Marsans, rexistrando a visita de turistas norteamericanos do transatlántico Trance e o seu desembarco en Vigo o 13 de xaneiro de 1928; a Compañía Hamburguesa, con planos de movemento de pasaxeiros do Cap Polonio en Vigo ao longo de varios viaxes a América durante 1928, así como do Cap Arcona —de tráxico destino— e que fixera a viaxe inaugural a Vigo o 22 de novembro de 1927; o luxoso café e bar do Gran Hotel Moderno co persoal que alí traballa; o Hotel Universal, con turistas ingleses de xira ata Baiona; a sucursal viguesa do Banco Pastor; o Garaje Americano co seu propietario e antigo rival da Ford, Eduardo Vázquez Rodríguez, inspeccionando coches e camións Dodge empaquetados dende América. Nesta secuencia resulta insólito un plano de carros de bois do país carretando os camións, aínda embalados nas caixas de transporte. E para rematar, imaxes do Grande Hotel de Mondariz en moi mal estado. Supoñemos que a bobina está incompleta. Posteriormente este camión será utilizado polo Partido Galeguista na campaña a prol do referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia en xuño de 1936 proxectando Hacia una Galicia mejor/Por unha Galicia nova, da empresa pontevedresa rival Folk.
(Manolo González, en Nos días encantados de agosto: unha biografía de José Gil, Editorial Galaxia, 2022, pp. 339-341)