
A malla
- 35 min.
A Galicia tradicional é pobre en medios económicos cos que contratar persoal. Naqueles traballos, como no caso da malla, en que a casa non conta con forza de traballo abondo, ten que acudir ao intercambio de axudas entre os veciños.
O ambiente festivo que se xera nestes casos serve de estímulo para facer máis levadeira a dureza do traballo, ao tempo que se fortalecen os vínculos entre os membros da comunidade. A medida que se vai introducindo nova tecnoloxía, este espírito comunitario e festivo comeza a se tornar máis feble (ou transformarse).
Texto orixinal do catálogo Imaxe 85. Novas produccións do "Arquivo da Imaxe" (Xunta de Galicia, 1985).
Filme producido ao abeiro do Arquivo da Imaxe (máis información nos comentarios).
-
Materiais para unha historia do cine en Galicia
Os romeiros do alén
A malla
Versión lingüística:VOFormato:HDPresenta: Enrique Banet. Entrada de balde.
- Ano:1985
- Países de produción: España
- Guión: Elena Gómez Gálkina, Marcial Gondar
- Fotografía: Carlos Banet, Emilio Gómez
- Montaxe: José Iglesias
- Produtora(s): Arquivo da Imaxe
O Arquivo da Imaxe en contexto
Entre 1984 e 1985, o Arquivo da Imaxe, dependente da consellería de Cultura da Xunta de Galicia, constituíuse para salvagardar o patrimonio audiovisual galego nun sentido amplo. Contaba con seccións de fotografía, vídeo, publicidade e fonoteca, e pretendía integrar tamén a banda deseñada e a ilustración gráfica. Organizaba ciclos de cinema e acollía un departamento que se chamou xa daquela Filmoteca de Galicia, unha precursora do posterior Centro Galego de Artes da Imaxe.
Ademais destas funcións de arquivo, contaba tamén cunha equipa de rexistros videográficos. No catálogo difundido no seu momento pola consellería explícase que “as producións recollen múltiples aspectos da vida cultural, festiva e tradicional de Galicia”. Tratábase, por tanto, de facer un rexistro documental da Galicia dese momento, atendendo sobre todo a valores tradicionais e etnográficos.
Capitaneado por Enrique Banet, o Arquivo da Imaxe tivo unha curta vida e foi a Televisión de Galicia, creada en 1985, a que pasou a ocupar parte das súas funcións. Haberá que agardar ata o ano 91 para que o CGAI tome o relevo no que ao arquivo de cine e foto se refire.