
Os romeiros do alén
- 22 min.
A Romaría de Sta. Marta de Ribarteme exemplifica como cando unha comunidade conta cun baixo desenvolvemento tecnolóxico na súa medicina, ou cando esta non responde favorablemente, a conciencia popular acode ao sagrado como instancia suprema. Así, o que estivo a piques de morrer e, por intercesión da Santa, logrou salvarse, teatraliza o milagre acudindo á festa das mortallas dentro da caixa que o tería que levar ao camposanto. Esta posta en escena é un medio de fortalecer a fe da comunidade, ao tempo que proporciona pingües beneficios aos axentes da relixión oficial.
Texto orixinal do catálogo Imaxe 85. Novas produccións do "Arquivo da Imaxe" (Xunta de Galicia, 1985).
Filme producido ao abeiro do Arquivo da Imaxe (máis información nos comentarios).
-
Materiais para unha historia do cine en Galicia
Os romeiros do alén
A malla
Versión lingüística:VOFormato:HDPresenta: Enrique Banet. Entrada de balde.
- Ano:1985
- Países de produción: España
- Guión: Elena Gómez Gálkina, Marcial Gondar
- Fotografía: Carlos Banet, Carlos Juanatey
- Montaxe: José Iglesias
- Produtora(s): Arquivo da Imaxe
O Arquivo da Imaxe en contexto
Entre 1984 e 1985, o Arquivo da Imaxe, dependente da consellería de Cultura da Xunta de Galicia, constituíuse para salvagardar o patrimonio audiovisual galego nun sentido amplo. Contaba con seccións de fotografía, vídeo, publicidade e fonoteca, e pretendía integrar tamén a banda deseñada e a ilustración gráfica. Organizaba ciclos de cinema e acollía un departamento que se chamou xa daquela Filmoteca de Galicia, unha precursora do posterior Centro Galego de Artes da Imaxe.
Ademais destas funcións de arquivo, contaba tamén cunha equipa de rexistros videográficos. No catálogo difundido no seu momento pola consellería explícase que “as producións recollen múltiples aspectos da vida cultural, festiva e tradicional de Galicia”. Tratábase, por tanto, de facer un rexistro documental da Galicia dese momento, atendendo sobre todo a valores tradicionais e etnográficos.
Capitaneado por Enrique Banet, o Arquivo da Imaxe tivo unha curta vida e foi a Televisión de Galicia, creada en 1985, a que pasou a ocupar parte das súas funcións. Haberá que agardar ata o ano 91 para que o CGAI tome o relevo no que ao arquivo de cine e foto se refire.