11ª sesión cine de vangardas
- 67 min.
LE SANG D'UN POETE (O sangue dun poeta) Francia, 1930. Dirección e guión: Jean Cocteau. Producción: Vizconde de Noailles. Fotografía: Georges Perinal. Decorados: Jean-Adrien d'Eaubonne, Marcel Duchamp. Música: Georges Auric. Montaxe: Jean Wiedmer. Intérpretes: Enrique Rivero, Elizabeth Lee Miller, Feral Benga, Pauline Carton, Jean Desbordes, Odette Talazac, Fernand Deschamps. 53'
MESHES IN THE AFTERNOON (Marañas do serán) USA, 1943. Dirección e guión: Maya Deren. Producción: Maya Deren e Alexander Hammid. Fotografía: Alexander Hammid. Música: Teji Ito. Intérpretes: Maya Deren, Alexander Hammid. 14'
-
-
Cine de vangardas: 1915-1947 Auditorio da Universidade
11ª sesión cine de vangardas
Versión lingüística:VOFormato:16mm. -
Cine de vangardas: 1915-1947 Escola Universitaria de Maxisterio
11ª sesión cine de vangardas
Versión lingüística:VOSEFormato:16mm. -
Cine de vangardas: 1915-1947 Auditorio Centro Cultural Cidade de Vigo
11ª sesión cine de vangardas
Versión lingüística:VOSEFormato:16mm. -
Cine de vangardas: 1915-1947 Teatro Principal
La Nueva Babilonia
11ª sesión cine de vangardas
Versión lingüística:VOSEFormato:35mm. -
Cine de vangardas: 1915-1947 Salón de Actos da Biblioteca Pública
11ª sesión cine de vangardas
Versión lingüística:VOSEFormato:16mm.
- Ano:1930-1943
- Países de produción: Estados Unidos, Francia
En catálogo do ciclo 'Cine de vangardas. 1915-1947' (1993)
Eduardo Galant
Houbo "incomprensión" e rexeitamento tanto para Cocteau como para Maya Deren, da Francia dos anos trinta á América patriota dos cuarenta. Filmada entre abril e setembro do trinta, Le sang d'un poète non se estreou ata xaneiro do trinta e dous. George Sadoul e André Breton viron a "opera prima" de Cocteau nunha misión divina e profiláctica, botándoa fóra do paraíso do surrealismo. Por outra parte, Richard Foster, como logo dixo Noel Burch, falou do "abuso da desorientación espacial" feito por Miss Deren, quen foi, por certo, unha das damas máis desexadas durante tres décadas en Babilonia.
Ademais xa se sabe que o espacio xeográfico queda reducido pola poesía ó espacio simbólico e tamén que, rematados os anos vinte, os "ismos" e os seus gardas estaban perdidos na voráxine do cine. Co tempo calquera destas primeiras películas dos seus directores foron clásicos a imitar, polo surrealismo non confeso, polo underground ou polos videoartistas.
Le sang d'un poete é un prodixio de visualizacións e de xogo coas leis do espacio e tempo, a pesar de "certas influencias" de Le coquille et le clergyman (Germaine Dulac-Artaud, 1928) e sobre todo de Un chien andalou (Luis Buñuel-Dalí,
1929), denunciadas polo noso inquisidor favorito, André Breton.
A altísima cheminea de À propos de Nice (Jean Vigo, 1929-30) derrúbase ó principio e ó fin de Le sang.... "Como o falo de Cocteau", dixo algún dos seus moitos detractores. "Como unha alma quebrada polo suicidio, triunfando coa imortalidade da morte" , segundo o propio poeta e cineasta. Pois os vangardistas sempre pecaron de, digamos, certo narcisismo. E a autoinmolación, presente tamén na obra de Maya Deren, é unha forma de xogar ou acada-lo Eterno.
O suicidio dos poetas, moitas veces dentro dun segundo ou terceiro soño, sempre é cruzando o espello. Mirándose nel. Mirándose a si mesmo. Os poetas, coa boa ferramenta do cine, máquina para soñar, poden viaxar no espacio-tempo.
(...) Andy Warhol e Paul Morrisey dicían que a súa secuencia preferida do cine de vangarda era o dobre suicidio do artista en Le sang d'un poète, e de feito Joe D'Allesandro tivo que emular a Rivero en Flesh. Mana o sangue negro do poeta sobre a parede branca. O "Ecce Homo" inmolado coa coroa de loureiro repetirá o suicidio ó perde-lo as de corazóns roubado ó seu propio espírito infantil. "Os espellos deberían reflexionar un pouco máis antes de devolve-las imaxes". (...)
A lentitude das cousas que pasan nos soños, xunto coa "presa síquica" do seu protagonista e sofridor, é outro factor que ungue o cinema de Maya Deren co de Jean Cocteau, ademais da morte rodeada de pracer, do desdobramento e da viaxe ó corazón do noso enigma.
A estatua de Cocteau dicíalle ó artista que tentase entrar no espello. Sempre, a cada momento. E iso fixo tamén a cineasta Maya Deren, sobre todo na súa "triloxía autobiográfica": At Land (1944), Ritual in transfigured time (1946) e Meshes of the afternoon (1943).
Nun Hollywood coa fría calor do atardecer, coas palmeiras azotadas por un raro vento, a artista sentíase "perdida como nunha grande praia deserta habitada solo por pantasmas". A man dun manequín deixou no silencio da tarde unha flor de vida que Maya Deren colleu. Primeiro as sombras a precedían pero a cámara esperou que pasasen e a sombra, a outra Maya Deren, agachouse tras ela. Pola esquina desapareceu un home. Na casa están aínda os obxectos quentes del. A taza do café e o coitelo que se desprende do pan. Durmirse fronte ó sol de Hollywood é máis perigoso do que esperaba unha estranxeira. Pode ve-la morte que é unha moza enloitada cunha cara de espello. Mirarse nela é verse unha mesma, durmir mentres o amor, que era o home que desaparecia pola esquina, crava o seu coitelo como un raio de luz, entrando na boca de Maya Deren, que é unha boca abultada, negra e mollada, tomada nun primerísimo plano. Da boca saen tódolos enigmas e as chaves para pasar e ver que dúas Maya Deren están sentadas á mesa da cociña mirando como na praia o espello se rompe, ferindo á artista que quería entrar nel.
Preguntada pola influencia recibida de Cocteau, Maya Deren reconeceu que Le sang d'un poète foi decisiva para a súa inclinación polos soños filmados.