
O carro e o home
- 12 minutos
En 1940 o cineasta ourensán Antonio Román realizaba o filme El hombre y el carro con guión e produción de Xaquín Lorenzo “Xocas” e montaxe de Carlos Serrano de Osma. A película é un relato lineal da vida do carro, acompasado este coa vida das persoas que o usan e que nos guían polas diferentes angueiras en que se ocupan as xentes da aldea. Un copión do filme aparecido no Museo Arqueolóxico de Ourense e conservado logo no Museo do Pobo Galego serviu para que en 1980 Eloy Lozano montase unha nova versión do documental cunha locución do propio Xocas. Esta segunda versión é O carro e o home.
Dixitalización 4K realizada a partir dos materiais en 35mm conservados na Filmoteca de Galicia e financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.
-
-
Materiais para unha historia do cine en Galicia
Retorno a Tagen Ata
Os oleiros
El castaño
O carro e o home
Versión lingüística:VOFormato:35mm.Entrada gratuíta. 35mm/16mm/DCP.
- Ano:1980
- Países de produción: España
- Guión: Antonio Román, Xaquín Lorenzo
- Montaxe: Carlos Serrano de Osma
-
Pepe Coira: "'O Carro e o Home' aparece cando non había ningún filme igual ou co que comparalo"
Moncho Mariño (Galicia Confidencial)
-
O carro e o home
Lucía Suárez (El filandón berciano)
Comentario do filme
Pepe Coira
"Un día, Antonio Román veu a Lobeira e estivo connosco na casa. Eu indiqueille a miña idea: facer documentais sobre o campo, documentais etnográficos e non esa toma de vistas sen máis que adoitaban ser os documentais da época. A miña idea era coller o tema, ben fose un instrumento de traballo ou unha faena, e facer del o protagonista da película, contar a súa vida desde que nace ata que morre. Púxenlle o exemplo do carro e a el pareceulle moi ben". Así lembraba Xaquín Lorenzo, 'Xocas', o xeito en que acordou co seu amigo de infancia, un día do verán de 1939, a realización de El hombre y el carro. A elección do tema non era gratuíta. Xaquín Lorenzo ingresara no Seminario de Estudios Galegos precisamente cun estudio sobre o carro. Coñecía ben o tema e algo sabía do que era facer unha película. "En Lobeira, antes da guerra, estivera tamén Carlos Velo facendo unha película documental, así que a xente xa tiña unha idea do que era a cousa". Por se aquela primeira experiencia cinematografica non abondase, ‘Xocas' prestou toda a súa colaboración para a boa marcha da rodaxe, desde sacrificar a árbore coa que se había construír o carro ata falar co cura párroco para que, por razóns de producción, autorizase xunguir os carros en domingo.
A aportación de Xaquín Lorenzo a esta película foi esencial. El (que resumía o seu labor coa frase "Eu o único que facía era que aquilo tivese sentido común") deulle o rigor etnográfico e o talante divulgativo que aínda hoxe fai de El hombre y el carro un fito na cinematografia galega. Román e Serrano de Osma, que pasaron dez días do verán de 1940 nas terras de Lobeira rodando o film, aplicáronse a verter nel moito do que aprenderan cos mestres do documental, fundamentalmente con Flaherty e o seu uso de actores naturais, a reproducción para a cámara dos seus labores e a montaxe rítmica de escenas con forte valor plástico.
O guión deseñárono os tres xuntos —Lorenzo, Román e Serrano—, cunha sólida idea de partida. "Me hizo mucho efecto la historia que Xaquín Lorenzo me contó, la de que en Galicia el carro tenía una vida muy similar a la del hombre, porque nacía y vivía a su lado. Había piezas que iban rompiendo y entonces se las iba sustituyendo, pero cuando el eje, que es el alma del carro, se rompía, ya el carro quedaba inservible, moría. Entonces el campesino cogía el carro y lo colocaba en una pared de la cuadra, y allí quedaba, como enterrado. La vida del carro iba en paralelo a la del hombre", lembraba Román. De feito, o primeiro título que pensaron para o documental foi "Biografia del carro", significativo desa idea central de enfocar o carro como un ser vivo e seguir a súa traxectoria cronoloxicamente.
A partir de aí, "como de pasada e para aproveitar", o carro servía tamen como fío conductor que levaba dunha faena a outra, mostrando a malla, a elaboración do liño ou o uso do tear.
Unha vez completada a rodaxe, a traxectoria que seguiu El hombre y el carro foi un tanto singular. Antonio Román, de regreso en Madrid, envioulle a Xaquín Lorenzo o copión da película e este conservouno no Museo de Ourense. Aquel material, a proba de montaxe sen sonorizar, serviu moito tempo despois, en 1980 (cando se cría que era o único que restaba da película), para reeditala. Fíxoo Eloy Lozano, coa súa productora Praia Lenta Films e a colaboración do Museo do Pobo Galego. O labor consistiu en respectar a montaxe orixinal e sonorizala con música clásica e un delicioso texto escrito e lido polo propio Xaquín Lorenzo; o nome que lle deron foi O carro e o home.
En canto á película orixinal, en 1945 (é dicir, cinco anos despois da rodaxe), Carlos Serrano de Osma, como representante da productora PACE, presentábaa a Censura e recibía un premio do Sindicato Nacional del Espectáculo. Entre unha versión e outra, as diferencias de montaxe son mínimas; onde mais diverxen é na banda sonora, composta na primeira versión por música folclórica galega e un texto en off bastante aséptico, que semella limitarse en moitos casos a enunciar o contido das imaxes.
(Extracto de 'Antonio Román: director de cine', ed. Xunta de Galicia, 1999).