
A trampa: que pasou co noso soño de liberdade. Episodio 1: que che dean, colega
The Trap: What Happened to our Dream of Freedom. Episode 1: Fuck You, Buddy
- 60 minutos
A serie céntrase nos conceptos do individualismo e da liberdade no contexto político de Occidente dende a Guerra Fría en diante. Comeza analizando as teorías do premio Nobel de Economía John Nash e como estas se utilizaron para crear o sistema de prevención contra unha posible ameaza nuclear nos Estados Unidos por parte da Unión Soviética.
- Ano:2007
- Países de produción: Reino Unido
- Produtora(s): BBC
The Trap: What Happened to our Dream of Freedom. Episode 1: Fuck You, Buddy
Free Documentaries
Neste episodio, Curtis examina o auxe da teoría de xogos usada durante a Guerra Fría e a forma en que os seus modelos matemáticos sobre o comportamento humano se filtraron no pensamento económico.
O programa traza o desenvolvemento da teoría de xogos cunha particular referencia ao traballo de John Nash (famoso polo filme Una mente maravillosa), quen pensaba que os humanos somos criaturas inherentemente receosas e egoístas que constantemente estamos a artellar estratexias. Usando isto como a primeira premisa, Nash construíu modelos loxicamente consistentes verificables matematicamente, polo que levou o premio Nobel de Economía. Inventou sistemas de xogo que reflectían as súas crenzas sobre o comportamento humano, mesmo un baixo o nome de "So Long Sucker---F*ck Your Buddy" (“Ata outra, mamón---Que che dean, colega), onde a única forma de gañar era traizoando o compañeiro de xogo e de onde o episodio toma o nome. Estes xogos eran coherentes internamente e funcionaban ben mentres os xogadores obedecesen as regras básicas de se comportaren con egoísmo e intentar ser máis listos que os seus opoñentes, mais cando os analistas de RAND probaron o xogo coas súas propias secretarias, decidiron, porén, non traizoarse a unha á outra, senón cooperar todas as veces. Isto, a ollos dos analistas, non desacreditaba os modelos, senón que probaba que as secretarias non eran suxeitos válidos para a mostra.
O que non se sabía daquela era que Nash sufría de esquizofrenia paranoide e, como resultado diso, era profundamente suspicaz ata cos seus colegas e tiña o convencemento de que moitos conspiraban contra el. Foi esta crenza errada a que conduciu a súa visión da xente en xeral e a que formou a base das súas teorías. Metraxe posterior dun Nash máis vello e sabio móstrao e aclara que estas concepcións paranoicas que tiña daquela sobre a xente eran falsas.
Curtis examina como a teoría de xogos foi usada para crear a estratexia nuclear dos Estados Unidos durante a Guerra Fría. Xa que ningunha guerra nuclear tivo lugar, creuse que a teoría do xogo acertara ao ditar a creación e mantemento dun enorme arsenal nuclear en América, pois a Unión Soviética non atacara América coas súas armas e as supostas medidas de prevención funcionaran. Estas teorías propagaríanse despois a outros segmentos da sociedade. (Free Documentaries)