Programa 5: Music films & portraits / películas musicais e retratos
Jem Cohen
110´. Vídeo. Subtítulos en galego.
SPIRIT
(Estados Unidos, 2007)
Dirección, fotografía e produción: Jem Cohen. Duración: 8 minutos.
“Patti Smith pediume que realizara unha curta para a súa versión de Smells like teen spirit de Nirvana. Como ningún dos dous somos amantes dos vídeos musicais, abordamos o proxecto coma se se tratase dunha curtametraxe sen sincronización de audio. O filme é un retrato familiar de Patti e o seu fillo, Jackson. William Blake aparece baixo a forma dun molde de xeso da súa máscara mortuoria. Kurt Cobain (conflitivo, fero, amable e fillo doutra nai) foi invitado como admirador de Leadbelly. Invitouse aos gatos como santos do fogar. O filme evoca a Nova York e o Estados Unidos rural. Trata sobre xente que toca a guitarra e lava os pratos” (Jem Cohen). Versión longa desta curtametraxe.
LUCKY THREE
(Estados Unidos, 1997)
Dirección, fotografía e produción: Jem Cohen. Duración: 11 minutos.
“Retrato independente do cantautor Elliott Smith en Portland (Oregón) en 1996, no que interpreta 3 cancións-Between the bars, Angels e unha versión de Thirteen, de Big Star-. As cancións fixéronse en directo e en acústico, no seu vello estudio, un salón e un baño. Tamén un pequeno retrato de Portland, construído a partir dos lugares importantes para Elliott” (Jem Cohen).
NIGHTSWIMMING (FULL MOON VERSION)
(Estados Unidos, 1995)
Dirección e fotografía: Jem Cohen. Produción: Good Machine, Anne Ruark. Duración: 8 minutos.
“Despois de ver a miña película Drink Deep, que trataba sobre a natación en contornas naturais, os integrantes de R.E.M. pedíronme que lles fixese o vídeo de Nightswimming. Cando o grupo foi publicar un recompilatorio en vídeo, pregunteilles se podía converter o proxecto en algo máis parecido a un filme independente e incluír unha sección que conservase o espírito da canción pero sen música. Desde o principio tiven a intención de facer algo erótico que rompese coas formas bastas da MTV: mostrar distintos tipos de corpos, mozos e vellos, masculinos e femininos, e estender as posibilidades liberadoras de nadar de noite a persoas que estivesen fóra da demografía previsible” (Jem Cohen). Primeiro Premio vídeo musical no Festival de Cine de San Francisco.
BENJAMIN SMOKE
(Estados Unidos, 2000)
Dirección, fotografía e produción: Jem Cohen e Peter Sillen. Duración: 73 minutos.
Retrato dun marxinado de Atlanta coñecido como Benjamin. Lenda do underground, drag queen e portador do VIH, a súa personalidade emblemática e música sen igual exerceron enorme influencia en artistas como Michael Stipe, Patti Smith ou Cat Power. Aínda que xira en torno ao traballo de Benjamin coa inclasificable banda Smoke (country, blues, punk?), non é un documental musical ao uso, senón unha exploración sobre a rebeldía e a vida no Sur dos Estados Unidos. Dez anos de realización e unha aparición especial de Patti Smith.
I.P. MAN
(Estados Unidos, 2006)
Dirección e produción: Jem Cohen. Fotografía: Jem Cohen e Peter Sillen. Duración: 10 minutos.
Extracto de Building a broken mousetrap. Unha canción do filme do concerto da banda holandesa EX. Nos seus 25 anos de historia, o grupo tivo distintas formacións, combinando o espírito anarco-político do punk co folk, noise e improvisación. O filme intercala escenas urbanas que Cohen describe como “o concerto máis fero e apaixonado ao que asistín en 20 anos filmando músicos”.