Marcelo Expósito. Ensaios sobre a nova imaxinación política
Do 1 de xaneiro de 2010 ao 31 de xaneiro de 2010
Figura esencial da combinación moderna do activista, artista e investigador, Marcelo Expósito (Puertollano, 1966) expande a súa práctica cara ao ámbito da teoría crítica, o traballo editorial, o comisariado, a docencia e a tradución. Residente na actualidade en Barcelona e Bos Aires, é profesor no programa de estudos do MACBA, na Universidad de Castilla-La Mancha e na Universitat Pompeu Fabra. Membro da Universidad Nómada, integrante dos colectivos editoriais das revistas online transversal e desbordes, tamén contribúe á fundación e edición da revista brumaria (2002-2006). Na súa proteica traxectoria comparece como autor e editor de valiosas e pioneiras monografías sobre Chris Marker e Pere Portabella, ademais de traballos videográficos que constatan as súas experiencias sociopolíticas e culturais. Expósito presenta no CGAI a serie de traballos Entre soños. Ensaios sobre a nova imaxinación política, unha proposta por entregas viva que aparece como unha excelente síntese das súas preocupacións e metodoloxías de traballo.
“Entre soños é unha serie de traballos que comezou a proxectarse no ano 2002 e atopou a súa primeira materialización en dous vídeos realizados no ano 2004. A súa declaración de intencións inicial constitúe unha constante durante toda a traxectoria do proxecto: “unha serie dedicada a retratar o ascenso do movemento global e os novos movementos sociais metropolitanos, sobre o pano de fondo das actuais transformacións urbanas e as representacións arquetípicas e históricas da cidade moderna”. O obxectivo que se trazaba ocultamente nun primeiro momento era, en realidade, algo máis pragmático: tratábase de elaborar representacións dos acontecementos, procesos, modos de acción, etc., característicos da experiencia que entón chamabamos movemento global ou movemento de movementos.
Entre soños procuraba orixinalmente atopar a distancia e o punto de vista xustos, adecuados, á hora de promover representacións das novas formas de politización características do actual ciclo de protesta. Partíase dunha hipótese sobre a posibilidade de elaborar representacións das actuais formas de acción política que non se producisen desde un distanciamento meramente descritivo. Tratábase de pensar simultaneamente a representación da acción política e a política das súas representacións; a dimensión pública da súa política do acontecemento e os seus procesos internos de subxectivación; o carácter das súas innovacións e os seus enraizamentos históricos; a política das súas formas de expresividade e a estética das súas formas de acción. Un punto de vista participante, no que a representación se formula non xa como un reflexo descritivo, senón máis ben como outra forma de contribuír aos procesos de modelación política e subxectiva dos movementos, á multiplicación das súas ferramentas e formas de expresión.
Cando a serie comezou a elaborarse, o décalage temporal parecía ser o adecuado: apenas pasaran catro anos desde que se producira o acontecemento Seattle (protestas contra o cume da Organización Mundial do Comercio), tres desde Praga (contra o encontro anual do FMI e o Banco Mundial) e dous desde Barcelona (cancelación do seminario do Banco Mundial previsto na cidade). O proxecto da serie permitía pensar ese ciclo político nun punto intermedio entre o tempo real e a distancia temporal; tratábase de someter a consideración a complexidade dos novos procesos de politización, por un lado, sen verse sometidos á urxencia da acción directa, pero tamén, por outro, sen enfocalos como acontecementos proxectados cara a atrás na historia.
O transcurso do tempo e o encontro con novas realidades obriga a ir reaxustando as intencións iniciais. É complexo —seguramente xa imposible— falar neste momento de algo tan centrado como “un” movemento de movementos sen engadir moitas matizacións. A finais de 2009 cúmprense nada menos que dez anos do acontecemento Seattle; o breve e intensísimo arco de contracumes comprendido entre entón e o drama de Xénova en 2001 (protestas contra o encontro mundial do G-8, saldadas co experimento de produción controlada e a escala reducida dunha guerra social por parte das autoridades e as forzas de seguridade) viuse acompañado nese mesmo ano pola destrución das Torres Xemelgas de Nova York e a explosión social do 19 e 20 de decembro na Arxentina, cando as receitas neoliberais aplicadas rigorosamente durante anos lle amosaron a todo o planeta o colapso da economía dunha nación e a virtual desaparición do mando exercido polas súas estruturas de poder económico e político. Coa finalización do cuarto capítulo da serie, o título xeral ampliouse cun subtítulo: Ensaios sobre a nova imaxinación política, o cal dá conta do carácter máis amplo das súas hipóteses e formulacións actuais”.
Marcelo Expósito
Agradecementos: Marcelo Expósito, La Hamaca, Eli Lloveras, José Ángel Brandariz.